Publicador de contidos
Publicador de contidos

Empresarios de León, Asturias e Galicia esixen o cumprimento dos compromisos do Corredor Atlántico

Empresarios de León, Asturias e Galicia esixen o cumprimento dos compromisos do Corredor Atlántico

O colectivo empresarial esixe tamén que se incentive a creación de empresas no rural, amais de medidas fiscais que favorezan os emprendedores

Os empresarios sosteñen que a creación de empresas favorecerá o asentamento de poboación Os empresarios sosteñen que a creación de empresas favorecerá o asentamento de poboación
G24.gal 16/05/2023 16:47

O obxectivo do encontro foi poñer en valor o potencial do noroeste español a través dunha visión conxunta daquilo que une aos territorios implicados e para reivindicar a súa posición xeoestratéxica no eixe europeo de mercadorías.

O novo presidente de FELE destacou a intención dos empresarios de facerse escoitar nos plans do ministerio para o desenvolvemento do Plan Director do Corredor Atlántico en que "esperamos que plasmen os compromisos en feitos".

Vallejo destacou a importancia dunha unión de transporte por ferrocarril e de infraestruturas de mercadorías viarias con Francia, Portugal e o sur do país "xa que fixaría poboación coa creación de emprego e asentaría empresas", polo que mostrou a súa preocupación en como se vai a desenvolver o Corredor Atlántico ao ser fundamental para o futuro das empresas de todo o noroeste do país.

Moito por facer

A asturiana María Calvo lembrou as moitas reunións que tiveron as tres patronais reivindicado o que "é imprescindible en materia de infraestruturas", e aínda que recoñeceu que se avanzou co nomeamento dun Comisionado para o Corredor Atlántico e o compromiso do desenvolvemento do Plan Director afirma que "aínda queda moito por facer para que se cumpran os compromisos e promesas que se realizaron".

Calvo pediu que o Plan Director do Corredor do Atlántico non só se limitase ao ferrocarril, senón que tamén inclúa as estradas, portos, aeroportos, a loxística e os sistemas intelixentes de transporte "cunha integración completa que permita a súa intermodalidade".

A representante dos empresarios asturianos pediu unha "interlocución constante co ministerio e o Comisionado" e anunciou a petición de reunións con ambos para manter o diálogo e que "as demandas do noroeste se plasmen no Plan Director con concreción, con prazos e con orzamento".

Engadiu que "para loitar contra o despoboamento que sufrimos temos que facer amigables os nosos territorios para as empresas e que poidan ser competitivas, para o que as infraestruturas son esenciais". 

Pola súa banda, o presidente da CEG recalcou que o desenvolvemento do Corredor Atlántico "non é unha cuestión política, senón de competitividade empresarial". Para que esas demandas sexan escoitadas Vieites reclamou consenso cos territorios do noroeste nas actuacións para o Plan Director.

"Necesitamos unha interlocución directa, permanente e construtiva, tamén coa Unión Europea para non quedarnos á marxe. Imos estar moi encima das administracións para colocar ao noroeste como un territorio competitivo e configuralo como nodo de conexión intercontinental".

Ademais da aposta polas infraestruturas, os empresarios expoñen unha batería de propostas para estes territorios que van desde incentivos ao emprendemento ao establecemento de novas empresas especialmente na contorna rural, discriminación fiscal positiva, unha estratexia turística común aos territorios do noroeste, estratexias que axuden a fixar poboación ou a apertura de vías directas de interlocución coas institucións.

Así mesmo, queixáronse de falta de contacto co Comisionado do Corredor Atlántico, que si se reuniu cos empresarios asturianos, pero non cos galegos, a pesar de varios intentos, nin cos leoneses, polo que esperan poder celebrar unha reunión conxunta nas próximas semanas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade