En Bembibre, en Val do Dubra, levan anos denunciando cortes de luz continuados
En Bembibre, en Val do Dubra, levan anos denunciando cortes de luz continuados
É un problema que vén de vello e que, porén, segue sen solucionarse
Nos últimos días chegaron a ter cortes de ata cinco horas que afectaron tanto a empresa como a particulares
En Bembibre, no concello de Val do Dubra, levan anos padecendo cortes continuados da subministración eléctrica. Afecta todo o concello, indistintamente das condicións meteorolóxicas, e aseguran estar cada vez máis fartos. Prexudícalles no traballo e, por suposto, no seu día a día.
O dono da asesoría Liñares, José Liñares, di que "a semana pasada botaron cinco horas sen subministración eléctrica e que teñen microcortes que se producen continuamente, hai días que se producen ata vinte microcortes. É unha situación indignante que afecta todo o concello".
Tamén os padecen na lavandería que está ao lado, Elena Fernández, a súa propietaria, di que "as lavadoras están parando e reiniciando todo o tempo e que os clientes están desesperados porque non daban terminado e non podían parar porque estaban cheas de xabrón". Nunha tenda de electrodomésticos da mesma rúa unha clienta conta que "cada pouco vaise a luz, estás facendo a comida e non podes seguir", "é un desastre", di. O dono salienta que "parece mentira que no tempo que vivimos esteamos sufrindo estes cortes a dez quilómetros da capital de Galicia".
Queixas parecidas ás de Poli Rodríguez, propietario dun taller de coches, asegura que dúas máquinas se lle estragaron polos cortes de luz e que "ten perdas porque hai días que botan unha tarde enteira sen luz e sen teléfono o que lles obriga a parar de traballar".
O Concello apóiaos, mesmo recadou sinaturas para que resolvan o problema. Porén da a empresa subministradora ou non obteñen resposta ou non lles dan solución. Con todo, seguen reclamando, e agardan ser cada día máis. Cren que o problema está na estrutura e mal mantemento do tendido eléctrico.