Publicador de contidos
Publicador de contidos

A porcentaxe de alumnado que repite curso en Galicia baixa por riba da media estatal

A porcentaxe de alumnado que repite curso en Galicia baixa por riba da media estatal

É a cuarta comunidade autónoma con menor porcentaxe de repetidores

A evolución máis positiva rexistrouse en educación primaria, cunha taxa de repetición do 0,7 % de media, fronte ao 1,1 % estatal

G24.gal 04/05/2024 14:35 Última actualización 04/05/2024 15:05

Segundo indican os últimos datos do Ministerio de Educación que corresponden ao curso pasado, reduciuse o número do alumnado que repite curso, tanto en primaria como en secundaria e no bacharelato. É un descenso que se está producindo en toda España, aínda que en Galicia a redución está por riba da media. 

Galicia reduciu a taxa de repetidores a cifras mínimas en todas as etapas educativas. As cifras actuais son as mellores dos últimos anos.

A evolución máis positiva rexistrouse en educación Primaria, cunha taxa de repetición do 0,7 % de media na nosa comunidade, fronte ao 1,1 % estatal. Esta cifra supón unha baixada considerable a hai 6 anos cando se rexistrou un 2,1 % de repetidores.

"Debemos poñer en relación a diminución da taxa de repetición coa taxa de abandono escolar. O alumno non soamente non repite, titula nunhas condicións que lle permiten seguir no sistema educativo e acadar unha titulación posterior á educación secundaria e iso é o que mire a taxa de abandono escolar, e como sabemos Galicia é unha das comunidades con menor taxa de abandono escolar no Estado español", di Judith Fernández Novoa, directora xeral de Innovación e Ordenación Universitaria.

En España, a taxa de repetición entre os estudantes de Secundaria está no 7 % mentres que en Galicia é do 6,5 %. Tamén é inferior no Bacharelato. Nesa etapa educativa a taxa de repetición en Galicia está nun 4,4 % fronte ao 5,9 % de España, cunha baixada de 3,6 puntos respecto ao curso 2017/2018.

Entre os factores que inflúen no éxito escolar están o esforzo dos docentes, o compromiso das familias, a motivación do alumnado pero tamén teñen un papel fundamental os programas de reforzo académico e as políticas educativas. 

"Hai diversos programas, como pode ser o programa PROA (Plan de Reforzo, Orientación e Apoio) cun investimento de 6,4 millóns e euros e unha dotación extraordinaria de preto de 400 docentes; o programa Acompaña que tamén axuda a detectar esas primeiras dificultades nas etapas máis baixas educativas e temos a rede de acompañamento persoal e familiar, a rede RAOGAL (Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galicia), que fai un labor importantísimo con ese alumnado vulnerable", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade