Publicador de contidos
Publicador de contidos

En liberdade e sen carné o condutor do accidente mortal en Ponte Sampaio

G24.gal 17/10/2022 13:19 Última actualización 17/10/2022 20:47

O condutor que deu positivo en alcol e drogas tras o accidente de tráfico en Pontevedra en que faleceu un mozo de 23 anos quedou en liberdade despois de declarar en sede xudicial, aínda que se lle retirou o carné de conducir.

Así o decretou o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, onde compareceu este luns o condutor, que foi detido pola Garda Civil tras ser atendido das súas feridas no Hospital Montecelo de Pontevedra.

A maxistrada optou por decretar a súa liberdade e, como medida cautelar, privalo do permiso para conducir vehículos a motor.

O mozo está investigado por un delito de condución baixo os efectos do alcol e de drogas tóxicas e por un delito de homicidio imprudente.

O accidente mortal rexistrouse onte domingo, sobre as 11:30 horas.

Ambos os mozos, condutor e vítima, circulaban xunto con outras dúas mozas -todos eles duns vinte anos- pola estrada entre Acevedo, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, e Comboa, no municipio veciño de Soutomaior.

Tras saír da vía, o coche chocou contra unha árbore de gran porte, un eucalipto segundo os servizos de emerxencia, e acabou caendo por un terraplén duns sete metros de altura.

O mozo falecido, que era veciño de Cesantes (Redondela), ía nun dos asentos traseiros do coche sinistrado, xusto no lado do vehículo que chocou contra a árbore.

Os outros tres ocupantes do vehículo quedaron feridos de diversa consideración, pero ningún deles de gravidade, e foron trasladados ao Hospital Montecelo.

Os mozos lograron saír do coche polo seu propio pé pero o que acabou falecendo xa non tiña pulso e non se puido facer nada por salvar a súa vida. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade