Os golfiños énchense de anguías
Os golfiños énchense de anguías
En Arcade, os pescadores da anguía están moi preocupados pola proliferación de arroaces na ría porque non só lles comen o peixe, tamén lles rompen as nasas
Tania e David chegan ao peirao de Arcade. Pero a bordo do seu barco non traen anguía, senón as nasas que os golfiños comeron para facerse cos seus peixes.
"A anguía cae dentro do embude, anguía que comen. Entón, entre que non pescamos porque as comen e as rupturas que temos, non damos levantado cabeza este ano".
Son as verbas de Tania, unha mariñeira moi preocupada pola situación. A metade das embarcacións que pescan en Arcade frearon a súa actividade ante a masiva vaga de ataques. Sábeo ben Juan Carlos, todo un veterano da profesión.
"En 37 anos nunca mirei o que están pasando estes últimos anos. E este, aínda é superior e peor a todos".
E iso repercute drasticamente nas súas capturas. Se a diario cada barco pode traer a terra entre dez e quince quilos de anguía, agora só chegan aos tres quilos. Tania Fernández explícanos a situación.
"Reduciuse á metade por cada mariñeiro, reduciuse á metade porque os mariñeiros tampouco saen a pescar porque non dan abasto en coser redes, traer redes novas para mar. A verdade é que se está notando moitísimo duns anos para aquí".
E mentres minguan as súas capturas, aumenta o número destes cetáceos e non entenden a que se debe. Juan Carlos Fernández.
"Pero algo raro pasa porque nunca houbo tantos como hai. Á parte, antes viñan, botaban unha semana aquí e marchaban. Pero agora é diario, están todos os días aquí".
Levan tres anos denunciando esta situación ante a Consellería do Mar. Piden solucións e axudas para un problema que se está complicando co paso do tempo.