Sacrifican un golfiño polo seu mal estado logo de atopalo deshidratado e desorientado en Valdoviño
Sacrifican un golfiño polo seu mal estado logo de atopalo deshidratado e desorientado en Valdoviño
O primeiro avisatamento foi o venres e Protección Civil de Ferrol trasladou o animal ao porto de Cedeira
O sábado volveu varar e debido ao seu mal estado os expertos decidiron practicarlle a eutanasia
Unha femia de golfiño, desorientada e moi deshidratada, apareceu esta fin de semana varada en Valdoviño. Ata en dúas ocasións intentaron rescatala, pero presentaba tan mal estado que ao final tiveron que practicarlle a eutanasia.
O primeiro aviso do seu avistamento foi o venres na praia de Pantín. Protección Civil de Ferrol rescatouna. "Trasladouse ao porto de Cedeira e aos quince minutos o animal comeza a nadar de forma autónoma e dar saltos", explica Alejandro Santiago de Protección Civil de Ferrol.
"Atopábase moi mal de saúde, moi ferido e xa sen folgos".
Trasladouse ao porto seguindo as recomendacións dos veterinarios do Cemma, pois a femia presentaba moi mal estado e estaba esgotada fisicamente. Alfredo López, biólogo do CEMMA, di que ao principio nadaba de forma desorientada "debido á inmobilidade de tantas horas varado na praia, pero pouco a pouco foi recuperando as forzas e a posición".
Comezou a nadar por si mesma e incluso puido comer algo. Pero de novo, na tarde do sábado, efectivos de Protección Civil e da Garda Civil de San Sadurniño recollérona en augas do río da praia de Vilarrube. "Xa observando que se atopaba moi mal de saúde, moi ferido e xa sen folgos, o equipo veterinario do CEMMA decidiu practicarlle a eutanasia".
Agora analizarán as mostras recollidas para confirmar as causas da varada reiterada e de que o golfiño non puidese sobrevivir.