O surf adaptado do Pantín Classic entra na Liga Internacional de Para Surf
O surf adaptado do Pantín Classic entra na Liga Internacional de Para Surf
As probas de para surf foron precisamente as que abriron a 37 edición do Pantín
40 surfistas, 15 mozas e 25 mozos, rexistráronse este ano nas probas de surf adaptado do Patín Classic, que por vez primeira se desenvolven dentro do calendario da Liga Internacional de Para Surf.
"Queriamos aproveitar a forza que ten o Pantín Classic para incluír este colectivo e darlles a importancia que merecen", subliña o director do encontro, Yago Barreto.
Viñeron deportistas do Brasil, dos Estados Unidos, de Marrocos, de Suíza, de Alemaña, de Francia, de Gran Bretaña, dos Países Baixos, de Portugal e de varios puntos de España, como a malagueña Sarah Almagro, con amputacións nas catro extremidades e campioa do mundo.
"O que máis me gusta do mar é que trata a todo o mundo por igual, independentemente do que teñas, do que non teñas, de quen sexas", afirma Sarah.
Unha idea coa que coinciden máis participantes.
"A min o mar dámo todo. Eu nacín nel. Tiven o accidente, sigo nel", asegura o parasurfista canario Antonio Muller.
"Axudoume moito nos tempos difíciles de recuperación. Deume moitas forzas, moitísimas", revela o coruñés Dani Souto.
Ben Neumann, un parasurfista alemán invidente, fala do xenial de andar a coller ondas sen importar os límites.
Para a francesa Emmanuelle Blanchet é non pensar en nada, liberdade.
Os parasurfistas levan anos loitando para que a súa disciplina chegue ás olimpíadas.
O campión de Europa galego Dani Souto, que perdeu a visión dun ollo a causa dun cáncer, explica que eventos coma este teñen un eco importante nese camiño.
"Andamos a recoller sinaturas. Levamos máis de 20.000 e buscando patrocinadores que faciliten o investimento que require a disciplina do parasurfing polo número de axudantes que teñen que intervir"
Dani cóntanos tamén que o surf adaptado está medrando moito en Galicia. Calcula que hai tres anos había media ducia de persoas competindo e que hoxe xa son máis do dobre.