Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os naseiros da anguía cambian os seus horarios para adiantarse aos golfiños

Os naseiros da anguía cambian os seus horarios para adiantarse aos golfiños

Madrugan máis para evitar que os arroaces danen os aparellos e liberen as capturas

"Non queda outra, os golfiños levan toda a vida na ría e temos que convivir con eles"

 

G24.gal 30/08/2024 14:51 Última actualización 30/08/2024 15:50

Os naseiros do Carril ultimamente pasan máis tempo arranxando os aparellos que pescando. Ao parecer, os golfiños colléronlles gusto ás nasas coas que pescan anguía no fondo da ría. 

"Xa vedes o dano que fan na rede, as veces só tocan unha, outros días estragan 30 ou 40", explica Antonio Pesado Romay, presidente das artes menores do Carril.

"Hai que coselas todas á man, cada un repara as súas, son moitas horas de traballo. Pero non queda outra, os arroaces levan na ría toda a vida, hai que convivir da mellor maneira posible", engade Xabier Quintáns, o patrón maior da confraría.

Probaron cunha rede máis gorda, pero non pesca igual. Así que agora madrugan máis para gañarlles a carreira.

"Antes iamos ás sete da mañá, agora case todos os barcos imos ás tres da madrugada para baleirar as nasas antes de que vaian os arroaces", di Antonio.

Tamén tiveron que cambiar a forma de fondear as anguías para mantelas vivas ata que chega o comprador, unha vez á semana. Os golfiños descubriron estes almacéns no porto e houbo que cambiar as redes por bidóns de plástico.

"Os golfiños poden entrar nos embarcadoiros, antes colgaban as anguías en sacos de redes, pero roían as redes. Non é que coman todas as anguías, ao mellor comen tres ou catro, pero o resto escapan", comenta Xabier.

"Como entre un golfiño ata aquí igual che acaba co traballo dunha semana. Pásanos igual que lles pasa aos do millo co xabaril", conclúe Antonio.

Din que as perdas de capturas polos golfiños poden acadar o 50 %, por iso suxiren tamén unha prolongación nos días da campaña da anguía, que remata a finais de setembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade