As mariscadoras de Arcade denuncian que a confraría lles impide traballar
As mariscadoras de Arcade denuncian que a confraría lles impide traballar
Denuncian a suba abusiva da cota anual, de 50 a 650 euros, sen informes que a xustifiquen por parte da confraría
As mariscadoras de a pé de Arcade precisan usar unha embarcación para poder achegarse á súa zona de traballo. Un barco que hai anos lles concedeu a Consellería de Pesca. O oito de abril volven ao traballo despois de moitos meses sen poder mariscar por mor da escaseza de produto que ocasionou a forte chuvia.
Esta semana xa deberían comezar coas tarefas de limpeza dos bancos para poder retomar a actividade pero non poden facelo. O barco está avariado dende outubro. Din que elas mesmas pagaron as facturas para reparalo pero que a confraría lles impide facelo, alegando que teñen unha débeda.
A presidenta das mariscadoras, Rita Míguez, explica que non é certo. Asegura que pagan todas as cotas que lle corresponden como socias e esixen unha mellor xestión dos fondos por parte da confraría que actúa coaccionando e extorsionando. Outra mariscadora, Lucía Soto, explica que sempre se destinou unha porcentaxe das cotas para o mantemento e reparación do barco.
Agora pagaron as facturas para reparalo e non permitiron que entrara o técnico. Nas últimas horas concentráronse diante da confraría de Arcade para esixir os seus dereitos e poder traballar. Tamén denuncian a suba abusiva da cota anual, de cincuenta a 650 euros, sen informes que a xustifiquen por parte da confraría.