Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Ourense, a Cruz Vermella busca familias de acollemento para meniños

En Ourense, a Cruz Vermella busca familias de acollemento para meniños

En Galicia hai case un milleiro de familias que acollen máis de mil douscentos nenos

G24.gal 19/08/2023 14:50 Última actualización 19/08/2023 15:13

Un imprevisto pode facer que un neno acabe necesitando dunha familia que non sexa a súa biolóxica. Para iso o Programa de Familias de acollida da Xunta, ofrece xa esta solución para máis de 1200 menores de idade en Galicia. Mais nalgúns casos a oferta resulta insuficiente, e por iso a Cruz Vermella de Ourense fai un chamamento para contar con familias que poidan atender temporalmente a meniños de ata tres anos de idade.

"Hai poucas familias dispoñibles, xa que moitas delas xa están acollendo. Aproveito para dicir que non só familias para bebés, senón tamén para grupos de irmáns, adolescentes... Nós abranguemos dende os cero ata os dezasete anos, co cal dentro desa franxa calquera familia terá un bo recibimento", asegura Sonia López, psicóloga do programa Familias acolledoras da Cruz Vermella.

O acollemento non dá dereito a adopción, pero este pode chegar ata os dous anos ou prolongarse ata a maioría de idade do menor.

En Galicia hai unhas novecentas cincuenta familias de acollida e para participar nesta iniciativa, os aspirantes deberán someterse a unha serie de entrevistas e programas de formación para garantir a mellor experiencia aos menores.

"Unha entrevista social, unha psicolóxica e pautas educativas, e unha visita domiciliaria. A partir de aquí, unha entrevista co servizo de menores que son os que dan a idoneidade. Despois incorporarse á rede, e dentro do perfil que eles propuxeran para acoller, estar dispostos a que en calquera momento os poidamos chamar", explica a psicóloga Sonia López.

O proceso de acollemento está tutelado en todo momento co gallo de que a xenerosidade das familias de acollida poida proporcionar unha segunda oportunidade aos nenos que o necesiten.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade