Varias ONG preparan a acollida dos 470 migrantes que chegan a Galicia esta semana
Varias ONG preparan a acollida dos 470 migrantes que chegan a Galicia esta semana
Recibirán asesoría xurídica, apoio lingüístico e axuda para a súa inserción sociolaboral
Municipios galegos preparan a acollida duns 470 migrantes a partir do 25 de xullo
Becerreá prepárase para acoller 69 persoas refuxiadas orixinarias de Malí
A Delegación do Goberno confirmou esta semana que finalmente son 470 as persoas migrantes que virán a Galicia. Chegaron durante estes meses en embarcacións ás Canarias, froito dunha crise humanitaria provocada pola guerra de Malí, o seu país.
O Goberno do Estado, que é o que ten competencias na política migratoria, traballa coas entidades sociais que desenvolven programas de acción humanitaria e que prestan a primeira acollida, como ocorreu o ano pasado en Sanxenxo.
Non todas estas persoas quedan en Galicia, debido a que teñen redes sociais e familiares noutras comunidades autónomas, pero algúns dos que viñeron están xa integrados aquí.
"En primeiro lugar, a tarefa será cubrir as necesidades básicas, como o aloxamento. Despois actuará un equipo multidisciplinar que proporcione atención psicolóxica, xurídica para estudar os casos individualizados, como as solicitudes de protección internacional, e tamén a intervención social. Algúns migrantes doutros anos que xa formalizaron a entrevista de asilo, que pasaron eses seis meses que establece a lei, están a traballar na nosa comunidade autónoma", explica David Bóveda, responsable de Accem en Galicia.
As organizacións reclaman que se axilice o sistema de citas para solicitar asilo, que ten demoras de máis de seis meses. Insisten en que a emisión de visados humanitarios e facilitar o reagrupamento familiar evitaría que esta xente tivese que botarse ao mar e poñerse en mans de traficantes para chegar a un país seguro.
"Queremos facer un chamamento para que non se faga un uso partidista desta cuestión. É unha cuestión humanitaria, non belixerante. É unha resposta non só solidaria, senón de dereito. Preocúpanos moito o pacto europeo de migracións porque o que fai é pechar as fronteiras. É unha Europa que naceu para unha defensa dos dereitos humanos. Non podemos esquecer que nós, os galegos e galegas, non hai moito tiñamos que migrar e poder vivir en paz tamén", recordou Bóveda.
Está previsto que o primeiro grupo chegue a Santiago nos próximos días.