Socorristas en bicicleta atenden os peregrinos ao pé do Camiño
Socorristas en bicicleta atenden os peregrinos ao pé do Camiño
Van equipados para atender calquera emerxencia, cunha caixa de primeiros auxilios e un desfibrilador
Cada día percorren uns 30 quilómetros e o ano pasado fixeron 700 servizos
Cada día as oito da mañá Andrea e Marcos soben ás súas bicicletas para comezar a súa quenda. Son un dos equipos de socorristas que atenden ao pé do Camiño os peregrinos. Van equipados cun botiquín de primeiros auxilios e un desfibrilador que este verán xa tiveron que usar nunha ocasión.
"Afortunadamente non son todos os días así, pero cando che toca hai que estar preparado", explica Marcos Castro.
A maioría das asistencias que fan son leves, como esta lesión muscular. Este peregrino levaba dous quilómetros arrastrando molestias no seu xeonllo.
"Veume xenial, non contaba, deume un gran alivio", conta este peregrino.
"Este ano tivemos bastantes servizos, rozaduras, algún malestar muscular, coma o deste rapaz", di Andrea Valín.
Tamén exercen de mecánicos de bicicletas.
"As bicis van fallando e facemos reparacións in situ", comenta Marcos.
O que máis valoran os peregrinos é a proximidade, ter esa man tendida.
"Sempre preguntamos se todo está ben, se vemos alguén parado preguntámoslle se precisa axuda, sempre imos saudando, imos con calma, facemos o Camiño ao seu carón", asegura Andrea.
A Cruz Vermella ten despregados tres equipos de socorristas no treito entre Sarria e Santiago que están en contacto directo co 061. A campaña conta co apoio da Axencia Galega de Turismo.