Publicador de contidos
Publicador de contidos

En risco 246 postos de traballo pola orde de desafiuzamento de dúas empresas de lousa en Valdeorras

En risco 246 postos de traballo pola orde de desafiuzamento de dúas empresas de lousa en Valdeorras

Moita tensión e preocupación entre os traballadores e as traballadoras do grupo Irosa e Samaca, empresas instaladas no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras

A presión de todo o cadro de persoal evitou o desaloxo da planta de produción pero non das oficinas e un almacén que foron precintados por orde xudicial

Os nove alcaldes da comarca apoian nun comunicado os traballadores e o mantemento dos seus empregos no conflito polos terreos onde se sitúan as empresas de lousa

O cadro de persoal saíu espotaneamente protestar no Barco de Valdeorras pola situación
G24.gal 19/09/2023 21:15 Última actualización 19/09/2023 21:58

Tensión e moita preocupación na comarca de Valdeorras por unha orde de desafiuzamento en dúas empresas de lousa instaladas no concello de Carballeda de Valdeorras. A presión de 250 traballadores evitou o peche da produción cando a Garda Civil e a secretaria do xulgado acudiron executar a orde de desaloxamento. Os traballadores, apoiados polos rexedores da comarca, din que van loitar polos seus postos de traballo.

"Irosa non se pecha, Samaca non se pecha", é o berro das traballadoras e o os traballadores que saíron protestar polas rúas do Barco de Valdeorras ante a situación xurídica que pon en risco os seus postos de traballo. Están en loita polo mantemento dos seus empregos, 246 directos, pero moitos máis indirectos.  

Unha orde xudicial sorprendíaos á primeira mañá do martes con que tiñan de desaloxar as instalacións. A súa presión evitou o peche da produción en Irosa, pero precintaron e cambiaron as pechaduras das oficinas e dun almacén en Samaca. 

A alcaldesa de Carballeda Valdeorras e todos os alcaldes da comarca apoian nun comunicado a protesta e a concentración espontánea do cadro de persoal polo Barco de Valdeorras. Un conflito polos terreos onde están as industrias, xudicializado desde 2014 entre o dono da empresa e os comuneiros, e cunha expropiación xa autorizada pola Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María do Carme González, explica que a na comarca non se entende esta decisión porque ao parecer a expropiación xa é efectiva e os terreos serían xa propiedade do dono da empresa. Pensa que se houbo un erro xudicial nesa sentenza que lles daba a razón aos comuneiros dons montes de Trigal, ten que buscar unha solución para evitar que moitas persoas queden sen traballo. Unha solución a este conflito tamén pedía o tenente de alcalde do Barco de Valdeorras, alcalde en funcións, Aurentino Alonso. 

Desde o Comité de empresa din que non van abandonar os seus postos de traballo e que van seguir loitando para que as empresas sigan en funcionamento. 

Durante a concentración acordaron continuar coas protestas, e o mércores a partir das sete e media da mañá teñen previsto manifestarse e pechar a estrada N-122 que vai de Sobradelo ao Trigal, onde están instaladas as empresas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade