Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Toro engalanan as rúas con adornos elaborados polas súas veciñas

En Toro engalanan as rúas con adornos elaborados polas súas veciñas

Unha aldea que traballa todo o ano para engalanarse nas festas

G24.gal 21/08/2023 22:10 Última actualización 21/08/2023 22:38

 A iniciativa dunha pequena aldea en que a cor enche as rúas grazas a implicación e a creatividade dos seus veciños. Nesta aldea de Laza levaban meses traballando dende a distancia para adornala con xeito nas festas patronais, e este é o resultado: máis dun cento de adornos elaborados polas mulleres de Toro, enchen de cor as rúas e lugares máis destacados da aldea. Moitas das artistas residen fóra de aquí durante o ano, pero iso non foi impedimento para que todo estivera a punto para o mes de agosto.

Nesta aldea de Toro residen durante o inverno unhas trinta persoas. No verán son máis de trescentas.  Hoxe cóntannos cunha mistura de orgullo e ledicia o seu último proxecto en común, co que conseguiron encher de cor as rúas da aldea.

"Empezamos cuns cadros para facer un Belén para o Nadal e despois xurdiron os mandalas. Pareceume xenial e apunteime dende o primeiro momento e fixen o que puiden".

Moitas das participantes no proxecto residen noutros lugares de Galicia, ou de España, ou mesmo de Europa, así que durante meses houbo que coordinarse a distancia.

"Dá gusto ver a aldea pero grazas a Beni que foi a que empezou. Seguimos atrás dela a facer labor de gancho e cousas que queden bonitas para embelecer a aldea, non?".

E a proposta foi máis ca un éxito: 25 mulleres foron quen de elaborar 120 mandalas que cambiaron a faciana da aldea. 

"Gustoulles a todos, agora puxéronas aquí e a xente parécelle a aldea outra. A aldea gústanos porque é nosa, nacemos aquí e estivemos aquí sempre ata que marchamos, que eu tamén vivo en Ourense. E así estivemos todo o inverno traballando con esta faena."

Din que queren poñer en valor o traballo das mulleres, dar a coñecer a súa aldea e mantela viva durante todo o ano. 

"A nós sempre nos confunden con Toro de Zamora, que é máis famoso que nós, claro. Pero nós dicimos que queremos reivindicar o Toro de Ourense, que é unha pequena aldea no alto dun monte cunhas vistas preciosas e que no verán estase estupendamente aquí. A ver, todo o ano, que no inverno hai unhas nevadas preciosas", explica Beni Rodríguez, a presidenta da asociación veciñal.

Para cando remate o verán seguirán en contacto porque agora pensan xa no seu próximo proxecto: elaborar novos adornos para a árbore de Nadal da súa aldea. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade