Enrique Mallón: "A eólica mariña pode dar moitas alegrías a Galicia"
Enrique Mallón: "A eólica mariña pode dar moitas alegrías a Galicia"
O secretario xeral de ASIME asegura que a instalación de parques eólicos nas costas galegas creará máis emprego de calidade
Mallón urxe o Goberno e a Unión Europea a axilizaren a construción do Corredor Atlántico ao se tratar dunha infraestrutura "indispensable"
O secretario xeral de ASIME Enrique Mallón defende a instalación de parques eólicos nas costas galegas e españolas porque "creará máis emprego de calidade e permitirá completar a cadea de valor de construción e produción de elementos mariños".
Nunha entrevista no programa Galicia por diante, da Radio Galega, Mallón apuntou: "É a industria, xunto á aeronáutica, que máis empregos pode crear nos próximos anos. A eólica mariña pode dar moitas alegrías a Galicia".
Lembrou que Galicia é referente e un "líder mundial na eólica mariña" e pensa que sería moi positivo a instalación dos parques para que "os nosos clientes vexan que España e Galicia aposta polas enerxías renovables igual que o fan os países máis desenvolvidos do mundo, coma Alemaña, Estados Unidos, Reino Unido e Francia, entre outros".
Mallón destacou que a enerxía eólica mariña é unha das "liñas estratéxicas de traballo" do proxecto Tecnonaval 2025, a proposta coa que dez comunidades autónomas aspiran a conseguir as axudas do PERTE do naval e que lidera Galicia.
Avances en infraestruturas
Durante a entrevista, Mallón reclamou avances nas infraestruturas pendentes porque "a loxística e as infraestruturas de transporte son absolutamente determinantes se queremos ter unha industria competitiva".
"O Corredor Atlántico é imprescindible. Non entendemos como non hai unha aposta máis clara. Parece que imos un pouco máis lentos comparados con outros corredores. Para a industria do metal, con máis de 60.000 traballadores, máis de 4.000 empresas, sería estratéxico ou máis ben indispensable. Desde logo, non podemos renunciar a esa infraestrutura porque sería hipotecar definitivamente o noso territorio. Debemos ser esixentes co goberno de España e coa Unión Europea".
Ademais Mallón, como presidente da Federación de Usuarios do Porto de Vigo, reclamou a conexión ferroviaria co porto de Bouzas.
"Sería unha perda de competitividade. Demandamos que se fagan os estudos técnicos pertinentes e que haxa diálogo entre administracións. Se hai un bo diálogo entre o Concello de Vigo, o Ministerio de Transporte, a Xunta de Galicia e o porto de Vigo, pode saír adiante unha ou outra variante e, desde logo, a que faga menos dano á cidade", apunta.
O secretario xeral de ASIME calcula que precisan uns 1.600 traballadores para incorporar de xeito inmediato e "de perfís de todo tipo vencellados coa nosa industria".
Mallón fai autocrítica e cre: "Temos que facer unha maior promoción do sector, das actividades, das retribucións, que son os niveis salariais máis altos en Galicia, e conseguir esas persoas que son imprescindibles. Estamos a rexeitar proxectos por falta de persoal cualificado".
Lembrou que neste momento desenvolven un programa, en colaboración coa Xunta, para formar un milleiro de traballadores.