Publicador de contidos
Publicador de contidos

Homenaxe a Castelao e Rosalía como exemplos de compromiso coa lingua

Homenaxe a Castelao e Rosalía como exemplos de compromiso coa lingua

Entidades en defensa do galego, do éuscaro e do catalán reafirman o seu compromiso conxunto no centenario do movemento Galeusca

G24.gal 22/01/2023 18:58 Última actualización 22/01/2023 20:13

Entidades en defensa do galego, do éuscaro e do catalán reafirmaron este domingo o seu compromiso conxunto para seguir traballando pola pluralidade e a liberdade, no ano no que se conmemora o centenario do movemento Galeusca.

Cunha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, recoñeceron e homenaxearon a importancia de Castelao e de Rosalía de Castro na loita pola pluralidade lingüística e polas linguas minorizadas en España, segundo informa A Mesa pola Normalización Lingüística.

O presidente da entidade, Marcos Maceiras, asegurou que neste acto renovaron "a vontade de manter a colaboración mutua" poñendo a Rosalía e Castelao como "exemplos e referencias de compromiso activo coa plena normalización da súa lingua nas circunstancias máis difíciles".

"Ningunha forza política ou social que queira representar calquera interese do pobo galego, vasco ou catalán pode renunciar á defensa e normalización dos seus idiomas", dixo.

Segundo Maceiras, as linguas son "conciencia e garantía" da capacidade colectiva e reflicten "a confianza" propia.

"Se temos historia, tamén temos futuro", considerou Francesc Marco, secretario de Plataforma per a Llengua, ao lembrar o centenario de Galeusca, os pactos entre partidos nacionalistas e asociacións culturais das tres comunidades iniciados en 1923.

Ademais, puxo en valor o traballo desenvolvido, como o que sustenta a nova lei do audiovisual.

"O catalán, o éuscaro e o galego son linguas que teñen moita historia e teñen que ser tamén linguas da modernidade, do presente e do futuro".

Pola súa banda, Paul Bilbao Sarria, representante de Kontseilua, destacou a unión das sociedades vasca, galega e catalá á hora de "reprobar" actuacións do poder xudicial que está a facer "unha lectura restritiva das consecuencias xurídicas da oficialidade das linguas propias".

"Ante ofensivas desa envergadura é aínda máis importante esa relación trinacional", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade