Publicador de contidos
Publicador de contidos

A lei de benestar animal entra en vigor este venres

A lei de benestar animal entra en vigor este venres

Permite o acceso libre a establecementos e transporte

Prohibe os animais en espectáculos e a súa venda en tendas

Algúns dos aspectos máis controvertidos da norma foron aprazados

G24.gal 28/09/2023 21:22 Última actualización 28/09/2023 21:45

Desde este mesmo venres quedará prohibido calquera tipo de abandono e maltrato, agresión ou neglixencia que provoque aos animais sufrimento, dano físico ou psicolóxico ou a morte e deixar animais soltos especialmente en Parques Nacionais ou outros espazos naturais protexidos onde poidan causar danos.

Acabáronse os animais nos circos e a compra de mascotas nas tendas

Do mesmo xeito queda prohibido empregar animais en espectáculos públicos, en actividades artísticas turísticas ou publicitarias que lles causen angustia, dor ou sufrimento, aínda que quedan fóra os espectáculos taurinos. Elimínanse "en todo caso" o seu uso en atraccións ou carruseis de feira e en circos.

Con todo, os titulares de circos con animais terán unha marxe de seis meses para cumprir coa norma. Os zoos con delfinarios terán así mesmo un prazo transitorio, polo cal poderán manter os seus cetáceos actuais no emprazamento ata que falezan. Tampouco se poderá alimentar os animais con vísceras, cadáveres e outros refugallos de animais que non superasen controis sanitarios nin se poderá usalos como reclamo, recompensa, premio, rifa, promoción publicitaria. Prohíbense as pelexas de cans ou o seu adestramento ou a instigación a estes para agredir outros animais ou persoas e queda prohibido expresamente o sacrificio de animais en calquera circunstancia. Tampouco se lles poderá practicar ningún tipo de mutilación ou modificación corporal permanente. 

As tendas de animais, físicas ou en Internet terán un prazo dun ano, ata o 29 de setembro de 2024, para deixar de comercializar cans e gatos, aínda que poderán seguir vendendo algúns paxaros e pequenos mamíferos como hámsteres ou cobaias.

Acceso a establecementos e transporte

Unha vez entre en vigor a norma, poderase acceder con animais de compañía aos medios de transporte, establecementos e espazos públicos, establecementos públicos e privados, aloxamentos hostaleiros, restaurantes e bares. Do mesmo xeito, accederán a edificios e dependencias públicas e aos albergues, refuxios, centros asistenciais destinados á atención de persoas en risco de exclusión social, persoas sen fogar ou vítimas de violencia de xénero.

Outra das novidades desta lei é o feito de que para poder ter un can cumprirá realizar un curso de formación cuxa validez é indefinida, e durante toda a vida do animal o seu titular deberá ter en vigor un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros; ambas as cuestións están pendentes da aprobación do regulamento.

Controversias da norma

Algúns aspectos máis controvertidos da norma foron aprazados, como a creación dun sistema de rexistros de animais e criadores. Tampouco está aprobado o regulamento para a súa aplicación, que xa está elaborado, ou a listaxe de especies asociada.

Outra das cuestións polémicas que foron finalmente excluídas da lei e que, por tanto seguirán como estaban, é o réxime dos cans perigosos, que ían deixar de ser clasificados por razas de potencial perigo para pasar a ser avaliadas polo propio carácter de cada can.

Entre as curiosidades das excepcións figuran a cabra da Lexión, que poderá seguir desfilando o 12 de outubro no desfile do Día da Hispanidade, ou a mula e o boi nos beléns viventes, en que tamén poderán intervir, ao seren estes animais de traballo, pero con certas condicións de benestar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade