Publicador de contidos
Publicador de contidos

Julián Barrio, Paolo Caucci, Begoña Valdomar, Xosé Carro e Discamino, Medallas de Galicia 2022

Julián Barrio, Paolo Caucci, Begoña Valdomar, Xosé Carro e Discamino, Medallas de Galicia 2022

O presidente da Xunta comparou os valores de Galicia cos da ruta xacobea

G24.gal 24/07/2022 09:23 Última actualización 24/07/2022 15:17

Ás 13:00 horas comeza o acto de entrega das Medallas de Galicia no Museo do Gaiás. O acto está presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que estará acompañado dos membros do Goberno autonómico.

Rueda, defendeu que Galicia "non é un pobo que vexa con receo os demais nin que considere as diferenzas ameazas" durante a cerimonia de entrega das Medallas de Ouro de Galicia, que este ano recoñeceron o labor de persoas e entidades que traballan no coidado e promoción do Camiño de Santiago.

Reciben a Medalla de Ouro Julián Barrio, arcebispo de Santiago; a Asociación Discamino de Santiago; Paolo Caucci, presidente do Comité de Expertos do Camiño de Santiago; Begoña Valdomar, hospitaleira da Asociación Galega de Amigos do Camiño e Xosé Carro, médico e antropólogo.

Xulián Barrio lembrou no seu discurso os que perderon a vida no mar e os seus bens nos incendios. O arcebispo de Santiago dende 1996 agradeceulle a Medalla ao pobo galego e destacou "o feito diferencial" de Galicia.

O experto na ruta Xacobea, o historiador italiano, Paolo Caucci, dixo que este recoñecemento agranda o seu compromiso na defensa dos valores do Camiño de Santiago.

A hospitaleira de Fisterra, Begoña Valdomar, agradeceu que se premie o labor altruísta de centos de persoas que coma ela reciben e coidan os peregrinos dende hai séculos.

A Asociación Discamino, que derruba barreiras na ruta para que as persoas con discapacidade cheguen a Compostela, recolleron a Medalla animando a sumarse a esta iniciativa "porque ninguén sabe cando un pode ter que ir diante dos seus triciclos".

E Medalla de Galicia a título póstumo ao primeiro comisario do Xacobeo, no 1993, Xosé Carro Otero, cuxas reflexións puideron escoitarse durante a cerimonia. A filla de Xosé Carro colleu a Medalla de Galicia para o seu pai, un recoñecemento que cualificou de "xustiza".

Pechou as intervencións o presidente da Xunta, que comparou os valores do pobo galego cos da ruta xacobea e defendeu que non é casual que Galicia sexa orixe e destino do Camiño.

"Contamos cun pobo que mestura a fidelidade ás súas orixes cun dinamismo que lle permite esta en sintonía cos cambios que teñen lugar ao longo da historia; capaz de defende a súa robusta identidade e de tender a man por riba das fronteiras. Nin fomos, nin somos nin seremos un país pechado", asegurou Alfonso Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade