Era a primeira marea do mariñeiro desaparecido natural de Moaña
Era a primeira marea do mariñeiro desaparecido natural de Moaña
Fernando González ten 53 anos e é o engraxador de máquinas do Villa de Pitanxo
O concello púxose a disposición da familia
"A noite do afundimento estivo en contacto coa súa parella e dixo que facía mal tempo, esa foi a última vez que falaron con el. Ata esta mañá non souben que meu pai segue desaparecido", di Kevin, o fillo menor de Fernando González, un dos mariñeiros desaparecidos.
De 53 anos e natural de Moaña, era un mariñeiro experimentado que traballaba como engraxador de máquinas. Agora a súa familia, moi afectada, demanda máis información.
"Aínda non o asimilo. Os meus avós e os meus tíos están pasándoo bastante mal e estar aí e intentar consolalos sen poder é horrible", di Kevin.
Esta é unha xornada de dor e consternación en toda a vila e o Concello púxose a disposición da familia.
"Os días que nos veñen por diante e ata que as familias poidan recuperar os seus van ser momentos difíciles", di Leticia Santos, alcaldesa de Moaña
Os veciños amosan o seu pesar pola traxedia e enxalzan o duro labor dos mariñeiros. O impacto do naufraxio afecta a toda a vila, moi vencellada ao mar.