Escolares de Moraña protagonizan unha curtametraxe sobre a historia do galego
Escolares de Moraña protagonizan unha curtametraxe sobre a historia do galego
A orixe da nosa lingua guapa, guionizada por Fina Casalderrey, recrea a súa experiencia como mestra
Simula a elaboración dunha receita máxica para ilustrar a proporción dos distintos 'ingredientes' lingüísticos que foron conformando o galego
O audiovisual de 20 minutos, dirixido por Damián Varela, parte da sección pedagóxica Primavera das Letras da Real Academia Galega
Fina Casalderrey volveu hoxe ao colexio onde ensinou galego durante 25 anos para celebrar a estrea do audiovisual co que mantén a sua vocación pedagóxica, agora desde a Real Academia Galega. A curtametraxe 'A orixe da nosa lingua guapa', guionizada pola escritora, baséase na súa experiencia como docente.
A protagonista é unha mestra que a imaxinación dunha alumna moi creativa transforma na meiga que fai a receita máxica da lingua. En realidade, Fátima R. Ruibal repite a fórmula que lle dera a súa mestra cando estudaba neste mesmo colexio de Moraña. O resto dos protagonistas foron os propios alumnos do centro, que coa rodaxe, dirixida por Damián Varela, aprenderon tanto de galego como de produción audiovisual.
Con esta curtametraxe de ficción a Real Academia Galega abre unha nova sección da Primavera das Letras, o proxecto web da institución que, co apoio da Deputación da Coruña, xera recursos para os ciclos de educación infantil e primaria. A nova sección, 'Lingua guapa' ampliará a oferta de contidos máis aló dos referidos ás figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas.