Escolares visitan o parque de San Lázaro de Ourense coma se fose un museo
Escolares visitan o parque de San Lázaro de Ourense coma se fose un museo
Afeitos a iren ao parque xogar, contemplárono como un espazo con historia que se foi transformando no tempo
Unha iniciativa do Museo Arqueolóxico de Ourense con motivo do Día dos Museos, que se celebra o xoves
A primeira pregunta para os estudantes de Ourense que hoxe deixan as aulas para saír ao parque é, precisamente, para que serve un parque.
"Para divertirse, para xogar e para namorarse", asegura Martín, de 7 anos.
A maioría destes cativos son usuarios habituais do histórico parque de San Lázaro de Ourense, ligado á infancia de varias xeracións da cidade. Pero agora acaban de descubrir que non sempre foi así: "Antes era coma unha aldea". "Había animais: porcos, cabalos...", comentan.
A visita abrangue historia e natureza, porque o parque é tamén unha sorte de xardín botánico con curiosidades vexetais que os deixaron coa boca aberta: "Que había un plataneiro fósil e unha árbore velenosa", di Sarela, alumna do CEIP Curros Enríquez de Ourense.
Día dos Museos
A actividade, promovida polo Arqueolóxico de Ourense, busca o achegamento dos museos á sociedade.
Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense: "Aínda que é a súa función principal, os museos non son só arquivos da memoria onde se conservan restos do pasado e se transmiten á sociedade, senón que son tamén un centro de educación e de investigación".
O Día dos Museos celébrase o xoves, con actividades diversas por todo o territorio galego.