Espállase o pesimismo, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Espállase o pesimismo, por Venancio Salcines
Din que un amor mata outro. Poder ser. O que é seguro é que unhas previsións económicas fan vellas e caducas as anteriores. Aínda que isto é coñecido, non deixa de sorprender que o cadro macroeconómico dos orzamentos xerais do Estado, en só 24 horas, quedase desbancado polo cadro macroeconómico do Banco de España.
Apenas un día de diferenza e a nova verdade, a estimación futura, xa dorme no tellado do noso banco central. E por que? Credibilidade.
A autoridade monetaria observa o 2023 como un ano perdido. O que tampouco está mal, porque aquí o caso é non decrecer, polo tanto medrar un 1,4 % non ten que verse un mal resultado Que é unha magoa? Certo, pero mais é vivir nunha caída libre, e isto parece descartado. O que era difícil de asimilar era ese crecemento do 3 % do que estaba a falar o goberno. Medrar o 2023 a esas taxas, dando por feito que veremos trimestres en negativo, supoñía pensar que dentro dun ano estariamos raiando a euforia económica.
E que é o que observa o Banco de España para poñerse en visión negativa?:
- Un peor resultado do sector exportador.
- Un euro mais débil, que provoca o encarecemento das enerxías e as materias primas, que se mercan en dólares.
- Un encarecemento do euríbor.
- Maiores tipos da débeda a longo prazo.
- Unha maior caída do consumo privado e do consumo público.
- Unha perda do esforzo investidor.
A parte positiva, e aquí xa coincide co goberno, é que o 2024 será un bo ano. Será o tempo en que os sinais vitais da nosa economía empezarán a estar estabilizados.
En termos de emprego? Aquí a proxección do Banco de España, que mostra estabilidade, contrasta co optimismo do Goberno, que entende que o ano que vén seguiremos creando emprego. En todo caso, nin uns nin outros valoran perdas significativas de emprego, polo tanto a loita dunha boa parte do país será adaptarse a unha menor capacidade de compra dos salarios e non á procura infrutuosa de emprego. Un mal menor que, nestes tempos de tantas penurias, seguro que a mais de un pode parecerlle un resultado aceptable.