España activa os equipos de salvamento para axudar nos rescates en Marrocos
España activa os equipos de salvamento para axudar nos rescates en Marrocos
O país africano solicitou colaboración formalmente esta madrugada
José Manuel Albares confirma que seguen sen constar vítimas españolas
Un equipo de rescate da UME xa partiu este domingo dende Zaragoza
O Goberno español en funcións activou os equipos de salvamento e de rescate para axudar nas tarefas de procura de sobreviventes do devastador terremoto de Marrocos, que deixa xa máis de 2.000 mortos, despois de que esta madrugada o país solicitara oficialmente axuda a España.
Polo momento, un equipo de Busca e Rescate Urbano da Unidade Militar de Emerxencia (UME), composto por 56 militares e 4 cans, engalou este domingo dende a Base Aérea de Zaragoza cara a Marrakech.
Nunha mensaxe do ministerio de Defensa español en X, infórmase da partida a bordo dun avión A400 do Exército do Aire e manifesta "todo o cariño, apoio e solidariedade co pobo de Marrocos ante esta terrible traxedia".
Solicitude de axuda
O ministro de Exteriores en funcións, José Manuel Albares, confirmou que esta madrugada o seu homólogo marroquí solicitou oficialmente axuda a España, polo que o Goberno puxo xa en marcha o dispositivo no que haberá tantos efectivos "como Marrocos necesite".
Dende Nova Delhi, onde participa no cume do G-20, explicou que tamén se puxo en contacto cos ministros de Interior e de Defensa en funcións para coordinar esta axuda inicial que se centra, de xeito urxente, no rescate de persoas baixo os cascallos.
Segundo dixo, é un "reflexo da solidariedade española e do sentido de amizade do pobo español cara a Marrocos". Tamén lembrou a numerosa comunidade de orixe marroquí que vive en España e "participa do crecemento económico e social" do país, contribuíndo a "construír a convivencia".
Sen vítimas españolas
Asegurou tamén que seguen sen constar vítimas españolas polo tremor e que o Goberno contactou con todas as persoas que se inscribiron no rexistro consular.
O ministro subliñou que o equipo da Embaixada de España en Marrocos se atopa desde o sábado en Marrakech á procura de voos para que as persoas afectadas poidan regresar ao país. Ademais, lembrou que se pode optar polo transporte terrestre ata Tánxer, onde hai conexións marítimas.