España defende en Bruxelas a continuidade da pesca de arrastre
España defende en Bruxelas a continuidade da pesca de arrastre
Luis Planas pide que "non se demonice a pesca de arrastre" ante a proposta de Bruxelas de eliminar gradualmente esta actividade nas zonas mariñas protexidas de aquí a 2030
O sector critica os ataques constantes á pesca de arrastre e ás artes de fondo e aposta por corrixir as políticas pesqueiras comunitarias
A conselleira do Mar advirte que o plan de Bruxelas "non ten carácter normativo" e esixe "datos científicos"
España defende hoxe en Bruxelas a continuidade da pesca de arrastre fronte á proposta da Comisión Europea de eliminar gradualmente esta actividade nas zonas mariñas protexidas de aquí a 2030.
O Goberno comunitario afirma que o arrastre é unha das actividades máis prexudiciais para os fondos mariños e por iso pretende ampliar as zonas protexidas do 12 por cento actual ao 30 por cento nos próximos sete anos.
España, Francia e outros socios europeos opóñense. O ministro de pesca español Luis Planas defende este luns en Bruxelas que a sostibilidade dos mares e océanos é perfectamente compatible coa actividade pesqueira.
O ministro español de pesca, Luis Planas, pide que "non se demonice a pesca de arrastre". Asegura que todo o paquete pesqueiro pesentado pola Comisión Europea está "desenfocado" e "desequilibrado".
O sector critica os ataques á pesca da arrastre e advirte do impacto da medida
No sector critican os ataques constantes á pesca de arrastre e ás artes de fondo e apostan por corrixir as políticas pesqueiras comunitarias.
Ivan López, presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo, á espera de coñecer a reacción dos distintos países fala dunha decisión xa tomada sen ter en conta as súas demandas por parte do Comisario Sinkevicius. "É unha auténtica indeterminación xurídica e o impacto para a pesca de arrastre é moi grande".
As consecuencias do veto en 87 zonas do Atlántico, dixo, xa se deixaron notar con fortes caídas nas capturas, xa que pouco a pouco van quedando sen sitio onde pescar.
España perdeu 20.000 buques dende que entrou na UE, e a mensaxe ao sector, asegurou Iván López, é que van seguir recortando e "machacando".
A conselleira do Mar esixe "datos científicos" antes de tomar unha decisión
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, advirte que o plan de actuación proposto por Bruxelas "non ten carácter normativo", aínda que deixa "claras" as "estratexias" do comisario en relación ao futuro da pesca.
En declaracións aos medios este luns en Porto do Son, a conselleira criticou que este comisario "dende o primeiro momento" estivo "sempre máis preocupado polo aspecto medioambiental" e "non pensou na pesca".
Ante isto, subliñou “a necesidade de que as decisións da Comisión teñan en conta aspectos ambientais pero baseándose en datos científicos”.
Respecto diso, lembrou o consello consultivo da semana pasada no que Galicia trasladou "o seu apoio" ao ministro, pero tamén recibiu "a petición unánime de todas as comunidades autónomas para defender os intereses da actividade pesqueira e esixir que Antes de iniciar este plan de acción, proporcione los datos científicos que sustenten" o documento.
O tratado de pesca con Marrocos
Na reunión dos ministros de Pesca da Unión Europea abórdase ademais a proposta da Comisión Europea de descarbonizar as frotas pesqueiras e a finalización, o vindeiro mes de xullo, do tratado de pesca con Marrocos. O tratado podería quedar en suspenso debido a unha senteza do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), que o anulou por incluír O Sáhara Occidental, un territorio pendente de descolonización.
Da renovación do tratado están pendentes 128 buques da UE que pescan neses caladoiros. Deles, 92 teñen pavillón español. Case todos son galegos, andaluces e canarios.