Publicador de contidos
Publicador de contidos

España enviará polo menos dous avións para evacuar os españois que viven no Líbano

España enviará polo menos dous avións para evacuar os españois que viven no Líbano

O Goberno di que contan cunha listaxe de "en torno a 500 persoas" que pediron ser repatriados dos arredor de mil españois que viven actualmente no país

Robles non desbota mandar "algún avión máis" para evacuar cidadáns doutros países que pediron axuda a España

Exteriores pídelle os españois que teñan dificultades para saír do Líbano que contacten coa embaixada

Arquivo / Diego Radamés / Europa Press Arquivo / Diego Radamés / Europa Press
G24.gal 02/10/2024 09:41 Última actualización 02/10/2024 13:32

A ministra de Defensa, Margarita Robles, confirmou que España enviará este xoves dous avións do Exército do Aire en dirección a Beirut para evacuar a preto de 350 españois que desexan saír do Líbano. Cifra que posteriormente o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, elevaba a "en torno a 500 persoas que van saír".

Nunha entrevista en Antena 3 recollida por Europa Press, Robles indicou que a operación de evacuación está lista.

Nestes momentos hai máis de mil persoas rexistradas no Líbano coa nacionalidade española ou dobre nacionalidade, e a cifra de 500 inclúe tamén a familiares deses españois residentes no Líbano, amais dos que estaban temporalmente no país dos cedros.

Noutra entrevista en RTVE, Robles matizaba posteriormente que "mesmo" poderían ser tres os avións que partan este xoves de España cara a Beirut.

Sinalou a ministra que "se fose necesario" ao día seguinte poderíase enviar "algún avión máis" para evacuar nacionais doutros países que non teñen a posibilidade de ser evacuados e pediron axuda a España.

Robles: "Todo está preparado, nunca España nin o Goberno deixou ningún cidadán español".

"Todo está preparado, evidentemente nunca España nin o Goberno español deixou ningún cidadán español; fixémolo en Afganistán, fixémolo en Níxer, fixémolo no Sudán e farémolo no Líbano, pero todo o mundo é consciente da situación dos espazos aéreos. Os avións españois están preparados, as dotacións están preparadas", explicou.

O éxito da operación dependerá, segundo Robles, da situación "nos espazos aéreos" nese país, xa que o tránsito de voos está suspendido nalgúns debido aos recentes bombardeos de Israel contra o Líbano e ao lanzamento de mísiles de Irán ao Estado Hebreo a pasada noite.

Os españois en dificultades deben contactar coa embaixada

Exteriores pídelles aos españois presentes no Líbano con dificultades para abandonar o país por rutas comerciais que contacten coa embaixada de España en Beirut por teléfono ou a través do correo electrónico.

Ademais, habilitou con carácter excepcional cinco novas liñas de atención telefónica que permanecerán activas durante a operación de repatriación.

Desde o ministerio levan varios días recomendando aos españois que se atopan no Líbano de turismo ou por traballo que abandonen o país polas rutas comerciais que aínda permanecen abertas.

Reducirase o persoal da Embaixada no Líbano "ao estritamente necesario"

Con esa evacuación en marcha, o Goberno tamén decidiu reducir o persoal da Embaixada española no Líbano "ao estritamente necesario" ante a deterioración da situación no país.

Así o anunciou este mércores o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, en declaracións en televisión.

"Imos reducir o persoal da Embaixada ao estritamente necesario para poder manter o papel político que está a manter España e facilitar a evacuación", indicou o ministro, que non deu máis detalles sobre cantas persoas quedarán na legación diplomática que encabeza Jesús Santos Augado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade