España mantense á expectativa ante o aumento de casos covid na China
España mantense á expectativa ante o aumento de casos covid na China
Os Estados Unidos e Italia esixirán PCR negativa aos viaxeiros procedentes do país asiático
Millóns de contaxios diarios, hospitais saturados, opacidade informativa. A China vive o peor da pandemia. Unha crise sanitaria sen precedentes que os epidemiólogos cualifican de desastre total. Os chineses levan tres anos sen apenas expoñerse ao virus, e ademais cunha cobertura de vacinación insuficiente.
Se ademais se suma agora a apertura total das fronteiras, isto leva a moitos países a poñerse en alerta. Os Estados Unidos xa anunciaron que van esixir tests negativos aos viaxeiros procedentes do país asiático. Aquí en Europa, Italia tamén dá o paso e tamén os vai impoñer. Faino despois de descubrir que a metade dos pasaxeiros de varios voos procedentes de Pequín estaban contaxiados.
Os expertos explican que estas medidas van ser ineficaces, que as accións descoordinadas entre países non conseguen nada.
Aquí en España, polo momento, o Goberno descarta esixir probas covid aos que veñan da China. Desde o Ministerio de Sanidade din que van agardar a que a Unión Europea adopte medidas para todo o territorio comunitario.
Os epidemiólogos piden non alarmar. Aseguran que temos suficiente inmunidade acumulada para facerlle fronte a estas subvariantes de ómicron. Di este inmunólogo que un bo sinal é que levamos un ano sen que a variante ómicron dese o salto a outra subvariante.