Publicador de contidos
Publicador de contidos

España reforza o seu papel na OTAN co envío de mísiles antiaéreos a Letonia

España reforza o seu papel na OTAN co envío de mísiles antiaéreos a Letonia

Con esta batería de defensa aumenta, ademais, os militares despregados no Báltico ata os 600 efectivos, coa chegada de 100 máis

G24.gal 28/05/2022 13:07 Última actualización 28/05/2022 18:12

A ministra de Defensa, Margarita Robles, confirmou este sábado o envío dunha batería de mísiles de defensa antiaéreos a Letonia no marco da misión da OTAN. Salientou a "máxima dispoñibilidade" de España para reforzar os traballos de disuasión e prevención da violencia.

Nunha entrevista en TVE co gallo do Día das Forzas Armadas, Robles confirmou que España enviará a Letonia, como adiantaba o xornal El País,  un sistema de defensa antiaérea dotado con seis mísiles e que suporá o incremento de militares na zona ata os 600 efectivos.

"O noso compromiso coa OTAN é total", salientou a ministra, que lembrou que España ten tropas en Letonia e Lituania e conta coa "máxima dispoñibilidade para reforzar un labor que é de disuasión, de prevención da violencia e, polo tanto, un labor de paz".

 Robles destacou o compromiso das Forzas Armadas españolas coa paz e con Ucraína, porque "cando se defende Ucraína, deféndense tamén os valores da democracia" e lóitase contra "crueldades como as que está facer Putin".

Defendeu o incremento do orzamento do seu departamento e argumentou que investir en defensa é investir en paz, en liberdade e en valores democráticos, pero tamén en postos de traballo.

Carros de combate e mísiles

A misión de Letonia é a única das Fozas Armadas que conta cos carros de combate "Pizarro" e "Leopardo", ademais de morteiros pesados de 120 mm, mísiles contracarro "Spike", avións non tripulados, un equipo de control para ataques aéreos e tiradores de precisión. A despregadura adicional de 150 militares consistiu en artillería, zapadores e apoio loxístico.

España proporciona tamén postos no cuartel xeral do Battle Group, entre eles exerce a segunda xefatura desta unidade, a cargo dun comandante de Infantería. E contribúe con tres militares no cuartel xeral da brigada letona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade