España ten confirmados seis casos da variante ómicron e analiza varios sospeitosos
España ten confirmados seis casos da variante ómicron e analiza varios sospeitosos
Catro das persoas infectadas chegaron ao noso país en voos procedentes de Suráfrica
O último informe publicado polas autoridades sanitarias confirma que esta semana foron detectados, por secuenciación xenómica, os seis primeiros casos da variante ómicron en España.
Catro deles son viaxeiros procedentes de Suráfrica, descubertos nos controis de entrada ao noso país. As outras dúas persoas afectadas son casos de transmisión comunitaria, rexistrados en Madrid.
Estes dous contaxiados son un home de 62 anos e unha muller de 23 que mantivera contacto co home; os dous estaban vacinados, teñen síntomas leves e están illados por precaución.
O Ministerio de Sanidade tamén sinala que hai varios casos máis sospeitosos, pendentes de confirmación.
Pasaporte covid
Canto á situación en España nesta longa ponte e no que atinxe ao chamado pasaporte covid, os que viaxen terán que informarse con detalle das esixencias do lugar ou lugares onde vaian.
Polo momento o certificado non o van esixir Madrid, Castela-A Mancha, Castela e León, Extremadura, A Rioxa e Asturias. O resto das comunidades autónomas esixirano de xeito puntual.
No caso de Euskadi, pedirá o documento en lugares de ocio nocturno e restaurantes de máis de 50 comensais. A comunidade de Cantabria está agardando autorización xudicial para implantalo.