Publicador de contidos
Publicador de contidos

Esperanza, de 106 anos, acenderá a iluminación en Ourense

Esperanza, de 106 anos, acenderá a iluminación en Ourense

Será esta noitiña, na praza Maior

Confésase emocionada e algo nerviosa

G24.gal 02/12/2022 14:36

Aínda non deran as nove e media da mañá, cero graos en Ourense, e xa estaba Esperanza en pé, camiño do seu salón de peiteados de confianza. Esta noitiña, será a encargada de acender as luces. 

"Vin peitearme e pintar a cella", ri.

A elegancia con que viste fai pensar que xa vén ataviada para a ocasión, pero non: "Vou levar outros zapatos, negros cun brillante".

Esperanza é un persoeiro no barrio, 'A princesiña da Ponte'. Leva celebrando aniversarios centenarios desde hai 6 anos. Mañá cumpre os 106 e cunha enerxía e unha saúde mental envexables.

"Da provincia de Lugo veñen 5 sobriños. Un xa me trouxo o aguinaldo", conta.

Os domingos vai bailar, e a diario bota a partida coas amigas. Non perdoa un grolo do licor café que ela mesma fai. Tivo unha vida dura. Viúva aos corenta, con tres fillas pequenas, emigrou a París para gañar a vida. 

"Porque aquí non había que comer. Morreu meu home e só me quedaron 500 pesetas de pensión, cando tiña que pagar mil de casa".

Esta tarde un taxi enviado polo Concello, vaina recoller na súa casa para levala á praza Maior, onde será a encargada de iluminar o Nadal ourensán. 

"Un pouco nerviosa si que estou, porque vai haber moita xente mirando".

Aínda está elixindo o modelo. Será outra das sorpresas desta noite.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar