Esta noite brillará a superlúa azul do perixeo
Esta noite brillará a superlúa azul do perixeo
Ata o 31 de maio do 2026 non se repetirá este fenómeno astronómico
Agosto comezou e rematará cunha lúa chea. A desta noite será semellante á do pasado día 1, malia que ten unha particularidade.
"Esta é unha lúa rara. En Inglaterra pensaron que a estas cousas raras podían chamarlles 'Blue Moon', e ao trasladar esta expresión ao galego ou ao castelán quedou lúa azul. Pero non ten nada que ver coa cor. É pola rareza de ser a segunda lúa chea no mesmo mes", explica Bibiana García Visos, responsable da Casa das Ciencias.
A lúa deste mércores coincide co perixeo, que é o momento en que o noso satélite está máis preto da Terra. E por isto percibirémola máis grande do habitual.
O punto álxido para gozala en todo o seu esplendor será contra as 3 e 36 minutos desta madrugada, malia que ben é certo que xa se poderá ver desde que se eleve sobre o horizonte. Ao amencer será cando desapareza por completo.
Para poder gozar de novo deste fenómeno astronómico haberá que agardar ata o 31 de maio do 2026.