Estabilizado o incendio do Courel, que levou tras de si máis de 11.000 hectáreas
Estabilizado o incendio do Courel, que levou tras de si máis de 11.000 hectáreas
Mantense estabilizado o incendio do Courel, que arrasou máis de 11.000 hectáreas de monte nos últimos 11 días. Cinco incendios en realidade acabaron por confluír nun de grandes dimensións.
A situación 2 por risco de proximidade do lume coas vivendas xa foi levantada o pasado venres e todos os veciños evacuados regresaron xa aos seus fogares.
A aldea de Vilar, no concello de Folgoso, é o núcleo de poboación máis afectado polos incendios que nos últimos 11 días asolaron a serra do Courel.
Arderon casas, alpendres, vehículos ou galiñeiros. O pouco que se salvou foi grazas, en parte, ao esforzo dos dous únicos veciños do lugar, que en cuestión de minutos se viron rodeados.
Dende o pasado xoves non aumentou o número de hectáreas queimadas no Courel, arredor de 11.000. Os dous grandes incendios, o de Seceda e o de Folgoso-O Brollón, unificáronse nun só que xa se dá por estabilizado.
Nesta xornada apenas se viron medios aéreos. Os traballos céntranse agora en acabar de extinguir as lapas, evitar que o lume reavive, comezar a facer balance dos danos materiais e medioambientais e pensar xa na recuperación.
Nalgúns núcleos seguen tamén sen corrente eléctrica de rede. Aínda así todos os veciños evacuados puideron volver ás súas casas.