Estafan máis de 5.000 euros a unha veciña de Ames co calote do "fillo en apuros"
Estafan máis de 5.000 euros a unha veciña de Ames co calote do "fillo en apuros"
Fixéronse pasar polo fillo da vítima mediante mensaxes telefónicas falsas
A Garda Civil identificou tres membros dunha familia que actuaban dende Cádiz
Recomendan proceder con cautela antes de acceder a pagos solicitados por teléfono
Soa unha notificación no móbil e aparece unha mensaxe dun fillo ou dun familiar directo, que pide urxentemente que lle envíen cartos. O receptor da mensaxe accede, sen decatarse de que acaba de converterse nunha vítima do calote coñecido como "fillo en apuros".
"Os estafadores fanse pasar polos fillos da vítima establecendo unha relación de confianza antes de pedir axuda económica baixo diversas escusas, para despois solicitar cartos para o caso de facturas impagadas, perda de equipaxes", advirte Lola Amado, voceira na comandancia da Garda Civil da Coruña.
Isto aconteceulle a unha veciña de Ames. Os estafadores conseguiron subtraerlle 5.000 euros, tras supostamente facerse pasar polo seu fillo. En varias mensaxes telefónicas, o presunto familiar pedíalle os cartos para pagar o arranxo dun móbil.
Tras unha ardua investigación, o equipo @milladoiro da Garda Civil, identificou os supostos estafadores: tres membros dunha mesma familia de Cádiz. O caso xa está nos xulgados composteláns.
A Garda Civil recomenda asegurarse ben antes de enviar cartos por mor destas mensaxes.
"Dende a Garda Civil recomendamos manter a cautela neste tipo de situacións e verificar sempre a identidade dos solicitantes da axuda antes de realizar calquera transacción económica", avisa Lola Amado.
Evitar estas fraudes é posible. Basta con chamar o noso familiar para comprobar a veracidade da mensaxe. A precaución e a desconfianza, diante destas esixencias económicas, son as mellores conselleiras.