Estampa inusual en agosto: xa comezou o ensilado do millo en Galicia
Estampa inusual en agosto: xa comezou o ensilado do millo en Galicia
A seca obrigou a adiantar a colleita e ensilado do millo
Aló onde non houbo incendios o problema este ano é a seca. En case toda Galicia o millo está a ser ensilado varias semanas antes do habitual.
Estes días remolques e picadoras non paran nas parroquias gandeiras de Galicia. A da colleita e ensilado do millo forraxeiro é unha estampa habitual a partir de mediados de setembro. Este ano adiantouse a agosto por mor da seca.
"A verdade, desde que teño acordo, nunca se ensilou no mes de agosto, e este ano pola seca houbo que empezar a metelo máis pronto porque seca todo", di José Sanda, gandeiro.
Para facer o silo pícase todo o millo, tanto a mazaroca como a planta, polo que hai que procurar que aínda estea verde, algo que a estas alturas xa non está a pasar.
A falta de cereal pola guerra de Ucraína fixo que moitas explotacións galegas decidiran plantar máis millo. Na gandería Sar de Bama, en Touro, botaron 310 hectáreas, case 100 máis que o ano pasado, pero a seca freou o seu desenvolvemento.
Calculan un rendemento do millo un 30 por cento inferior a un ano normal. Un problema máis para acadar a rendibilidade das granxas.