Publicador de contidos

Publicador de contidos

Este domingo pola noite TVG estrea "A coral", unha nova serie de humor e música

Este domingo pola noite TVG estrea "A coral", unha nova serie de humor e música

A Coral é unha comedia de trece episodios producida por Tex45  cun elenco de luxo

A Coral está dirixida por Ricardo LLovo e o seu protagonista é Carlos Blanco

G24.gal 09/02/2025 17:17

Este domingo 9 de febreiro, xusto despois do Telexornal Serán, chega á TVG unha serie que celebra o humor e a música coral cun elenco de luxo.

Televisión de Galicia presenta a súa nova aposta de ficción: A Coral, unha comedia de trece episodios  dirixida por Ricardo Llovo e producida por Tex45 que se estrea este domingo 9 de febreiro, xusto despois do Telexornal Serán. A serie narra as divertidas desventuras dun grupo de veciños de Ribadeabaixo, unha pequena vila galega, que se embarcan na misión de perfeccionar os seus dotes vocais baixo a dirección dun carismático e peculiar mestre.

O actor Carlos Blanco regresa á TVG tras o seu éxito en producións como Fariña, Rapa e O caso Asunta, encarnando a Manuel Merino, un prestixioso director de corais que podería definirse como un "doutor House á galega". Tras un desafortunado incidente nun dos seus concertos, Merino vese obrigado a aceptar o traballo que lle ofrece o seu amigo Suso, concelleiro de cultura de Ribadeabaixo, interpretado polo carismático Marcos Pereiro. Xuntos darán vida a unha historia chea de situacións cómicas e entrañables.

Completan o elenco Marta Larralde, Seis Irmás, Gran Hotel, Fariña, quen interpreta a Sesé, a voz da cordura no grupo e cun pasado en común co esixente director. Eva Iglesias, rostro coñecido da TVG, achega o toque máis hilarante ao interpretar unha autoproclamada excorista de Beyoncé, cuxas aspiracións chocan coa dura realidade. A elas súmase María Pérez, integrante de Fillas de Cassandra, que debuta como actriz no papel de Ana, ofrecendo unha interpretación e unha voz que sorprenderá o público.

A música xoga un papel central en A Coral, que incluirá unha versión especial do popular tema Tataravoa de Fillas de Cassandra, adaptado por Manú Conde, que poderá escoitarse no último episodio.

O elenco conta tamén coa participación da soprano Teresa Novoa, Jesús Suárez, o primeiro actor invidente nunha serie da TVG,  Manu Casal e Paula Jorge, quen proporcionan diversidade e frescura á trama cos seus peculiares personaxes.

A Coral promete risas, emocións e moita música en cada capítulo. Para os máis impacientes, os sete primeiros episodios estarán dispoñibles dende as 21:00 horas en Televisión de Galicia, en agalega.gal e na aplicación móbil da TVG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade