O Goberno ve na moción "capitulacións matrimoniais" de Feijóo con Vox
O Goberno ve na moción "capitulacións matrimoniais" de Feijóo con Vox
Este martes arranca o debate da segunda moción de censura presentada pola formación de ultradereita
Santiago Abascal cre que a moción é un acto de responsabilidade, a pesar de estar escrito xa o final
O candidato Ramón Tamames intervirá sentado desde o escano de Santiago Abascal
O debate arrancará este martes ás nove da mañá cunha intervención do líder do partido que presentou a moción de censura, Vox. Na véspera, Santiago Abascal di que está tranquilo, "non só de ánimo senón coa conciencia tranquila" porque considera que está facendo "o correcto". Na súa opinión, "sexa cal sexa o resultado da moción, é bo e necesario retratar este Goberno xunto aos seus socios".
Despois tomará a palabra o seu candidato a presidir o Goberno, o economista Ramón Tamames, de 89 anos. Debido aos seus problemas de mobilidade, vai intervir sentado dende o escano de Santiago Abascal. Só contará cos votos a favor dos 52 deputados de Vox.
O PP vai absterse. Para a súa secretaria xeral, Cuca Gamarra, a moción "emprégase como unha campaña de márketing e por puro electoralismo". Considera, ademais, que deben "ir ben" cando a posición que ten o PP "non lle gusta nin a Vox nin a Pedro Sánchez".
Para o Goberno, a moción de censura servirá para confrontar dous modelos de xestión. Segundo a voceira do executivo, Isabel Rodríguez, "ante nós temos dous modelos moi distintos: o que representa este Goberno de progreso e outro que representa a dereita coa extrema dereita, porque están dándose a man, son as súas capitulacións matrimoniais".
O que non se sabe aínda é que ministros intervirán no debate. Dende Unidas Podemos piden que a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, tome a palabra, como fixera Pablo Iglesias na anterior moción de censura.
Este luns, Yolanda Díaz convocou un acto público en Madrid para o día 2 de abril en que podería anunciar a súa candidatura ás eleccións xerais coa súa nova plataforma, Sumar.