Publicador de contidos

Publicador de contidos

Esta mañá retómase o xuízo polo accidente de Angrois coa declaración do segundo acusado

Esta mañá retómase o xuízo polo accidente de Angrois coa declaración do segundo acusado

As vítimas do Alvia critican o aprazamento e cren que Cortabitarte só o pediu para preparar mellor a súa declaración tras oír a declaración do maquinista

Andrés Cortabitarte, responsable da seguridade na circulación de Adif, na segunda xornada do xuízo Andrés Cortabitarte, responsable da seguridade na circulación de Adif, na segunda xornada do xuízo
G24.gal 12/10/2022 18:25 Última actualización 13/10/2022 07:37

Andrés Cortabitarte, responsable da seguridade na circulación de Adif no momento do accidente do Alvia, declarará este xoves como acusado ante o tribunal que xulga o accidente do Alvia en Angrois.

Cortabitarte tiña que declarar a semana pasada. Pero o seu avogado alegou que se atopaba "afectado" pola agresión recibida por unha das vítimas para pedir un aprazamento.

A xuíza María Elena Fernández Currás accedeu á petición do avogado de Andrés Cortabitarte e fixou a comparecencia para este 13 de outubro ás 9:30 da mañá.

O que si declarou cando estaba citado foi o maquinista do Alvia Francisco José Garzón.

Precisamente o seu avogado criticou a decisión da xuíza de pospor a declaración do exresponsable da seguridade na circulación de Adif. Dixo que o único obxectivo para pedir este aprazamento era "preparar mellor a súa declaración", unha vez coñecido o testemuño do seu cliente.

"Só declarou Garzón, cando evidentemente o que se pretendía hoxe era a declaración dos dous acusados", expresou o pasado xoves o avogado do maquinista.

O letrado cre que a estratexia do exresponsable de seguridade de Adif era comunicar á xuíza a súa pretensión unha vez finalizado o testemuño do maquinista Francisco José Garzón Amo e así "preparar outro tipo de declaración distinta da que xa tiña preparada".

"Queren ter vantaxe, pero creo que lle vai a valer de pouco ao final", afirmou ante a prensa.

Segundo el, o avogado de Cortabitarte debería comunicar a súa intención ao comezo da vista para así pospor en todo caso ambas as declaracións, e non só a súa tras ser interrogado xa Garzón.

"Non ten nada, foi un empuxón. Non estamos conformes", protestou Prieto.

Respecto da declaración do seu cliente, afirmou que estaba "satisfeito" porque quedaron de manifesto as circunstancias do maquinista, que "non foi formado no tren que ía circular senón nunha locomotora illada" e que "non circulou nunca pola vía 1".

"Quedaron de manifesto a carencia e a orfandade das medidas de seguridade das infraestruturas", engadiu tamén.

O avogado da plataforma de vítimas Alvia 04155 Manuel Alonso tamén criticou ante os medios que se pospuxese a declaración de Cortabitarte:

"Non imos xustificar o que ocorreu (referíndose á agresión), pero eu creo que o que gañaron é unha semana para preparar en conciencia a súa declaración en función do que dixo Garzón", expresou.

Segundo dixo, o maquinista "deu datos moi precisos de cal era a sinalización na vía", un tema que está intimamente relacionado con parte da responsabilidade de Cortabitarte.

Aínda que valorou que Garzón pedise "de novo" perdón ás vítimas, remarcou que o maquinista asumiu "o erro humano", motivo polo que piden a súa condena, aínda que tamén aluden á ausencia de referencias de seguridade na vía para reducir a velocidade.

Ademais, un dos avogados da acusación particular, Agustín Jesús Bocos, sinalou que coa declaración do maquinista se demostraron unha vez máis "as présas que había por inaugurar a liña de alta velocidade".

Segundo expresou, "a proba é que a formación que se lle deu ao maquinista era pola vía dúas", algo que confirma "a cadea de chapuzas e neglixencias".

A sesión deste xoves agárdase extensa e é posible que se alongue ata a tarde ou, mesmo, ata o día seguinte, segundo dixo a maxistrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade