Saen á venda dende 18 euros os billetes dos trens Avril
Saen á venda dende 18 euros os billetes dos trens Avril
Para celebrar a posta en servizo dos S106, Renfe lanza 33.000 billetes con prezos reducidos para os novos servizos AVE entre Galicia e Madrid
O Goberno ratificou que os billetes dos trens Avril póñense á venda este xoves, día 18 de abril, e farano acompañados dunha campaña de lanzamento con 33.000 billetes con 'superprezos' desde 18 euros.
Para celebrar a posta en servizo dos S106, Renfe lanza unha campaña de 'superprezos' con billetes económicos desde 18 euros para os novos servizos AVE entre Galicia e Madrid, así como nas súas estacións intermedias.
A promoción de billetes, con compra anticipada de dez días, é válida para viaxar desde o día 21 de maio ata o 21 de xullo, con preto de 33.000 prazas promocionais.
Renfe ampliará a partir do 21 de maio a súa oferta de servizos de Alta Velocidade Galicia-Madrid a máis de 39.000 prazas semanais, coa posta en servizo dos trens S106, que implica a estrea do servizo AVE a Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
A nova oferta para viaxar entre diferentes puntos da comunidade autónoma galega e Madrid con estas 39.000 prazas semanais supón un 20,3 % máis que a oferta actual.
Para iso, Renfe poñerá en servizo un tren AVE por sentido no percorrido Vigo-Madrid, con tempos aproximados de algo máis de 4 horas no traxecto completo. A saída desde Vigo será ás 9:28 h e chegará á capital ás 13:34 h.
En sentido contrario, outro AVE partirá de Madrid ás 19:18h e chegará a Vigo ás 23:36 h.
Ademais, un servizo AVE circulará de domingo a venres nos dous sentidos entre A Coruña e Madrid, cun tempo de viaxe próximo ás 3 horas e media.
A saída desde A Coruña será ás 19:50 horas, con chegada a Madrid ás 23:23 mentres que, á inversa, o AVE sairá da capital ás 14:41 e chegará á cidade herculina ás 18:14.
A mellora nos tempos de viaxe nesta primeira fase tradúcese en 16 minutos menos nos traxectos desde Vigo e A Coruña a Madrid, así como en 18 minutos de redución no tempo desde Santiago de Compostela á capital.
En todo caso, o Goberno remarca que a chegada destes novos trens forma parte dunha primeira fase de posta en servizo dos S106, axustada á reorganización dos servizos ferroviarios polas obras de ampliación de capacidade que Adif está a realizar na estación de Madrid Chamartín-Clara Campoamor.
Aseguran, por tanto, que a oferta comercial cos S106 irá aumentando progresivamente en futuras fases.