Estela Carrera seguirá protexendo a portería do Guardés o próximo curso
Estela Carrera seguirá protexendo a portería do Guardés o próximo curso
É a novena xogadora que prolonga o seu contrato para curso que vén
A gardameta de Elda sela a súa renovación co Mecalia. Será a súa sexta tempada no club, tendo en conta as catro que sumou entre 2015 e 2019, e a segunda consecutiva desde a súa volta.
Carrera: “Estou moi feliz por continuar un ano máis”
A porteira alacantina chegou por primeira vez ás filas miñotas en 2015, etapa na que deixou a súa pegada no club tras formar parte do cadro de xogadores que gañou a primeira liga na campaña 2016/17, a primeira na historia da entidade. Tras a súa marcha ao Málaga en 2019 e o seu posterior paso polo Porriño, a porteira eldense retornou á Guarda na presente tempada.
Este ano, Estela Carrera rendeu a un excelente nivel baixo os paus, sendo unha figura clave no equipo asinando grandes actuacións en partidos como o derbi ligueiro disputado na Sangriña ante o Porriño, un duelo no que as súas paradas foron decisivas para obter os dous puntos.
A gardameta eldense e a capitá Míriam Sempere forman o tándem perfecto para blindar a portería guardesa. Deste xeito, Estela Carrera é a novena xogadora que prolonga o seu contrato para curso que vén.