Estrean en Pontevedra un dispositivo robótico que permite camiñar a nenos con parálise cerebral
Estrean en Pontevedra un dispositivo robótico que permite camiñar a nenos con parálise cerebral
Un doador anónimo comprouno para a asociación Amencer-Aspace
"Ver o meu fillo de pé e camiñando déixame sen palabras", comentaba a nai do rapaz que fixo a demostración
O financiamento dun doante anónimo permitiu á asociación pontevedresa Amencer-Aspace incorporar ao seu servizo de rehabilitación externa o exoesqueleto pediátrico Atlas 2030.
Esta é unha tecnoloxía única en toda a provincia que permite camiñar a nenos con parálise cerebral ou patoloxías afíns.
Este dispositivo robótico adáptase ao corpo infantil imitando o funcionamento do músculo natural, o que permite camiñar a uns nenos que doutra maneira non poderían facelo.
Ao longo do próximo mes de novembro comezarán as sesións nesta entidade, cun prezo que, destaca a asociación, será "moi axustado", para facer accesible o exoesqueleto ao maior número de persoas usuarias posible.
Previo a comezar a intervención realizarase unha valoración exhaustiva para ver se é unha ferramenta apta e necesaria para o traballo nese caso.
"Ver o meu fillo de pé déixame sen palabras"
Hugo, de 7 anos de idade, fixo unha demostración do funcionamento deste exoesqueleto, que "vén transformar a vida das persoas", segundo destacou a xerente do centro Amencer-ASPACE, Mónica Touriño.
"Ver o meu fillo de pé e camiñando déixame sen palabras", comentaba a nai de Hugo.
Este robot foi desenvolvido por Marsi Bionics.
Víctor Chacón, responsable de comunicación desta empresa nada en 2013 como unha entidade comercial independente do CSIC, explicou que o Atlas 2030 "permite a exploración completa do espazo camiñando" o que ofrece aos nenos grandes oportunidades de participación e inclusión, "así como unha elevada motivación".
Este innovador dispositivo supón "unha revolución total no traballo diario", sinalou María Bernárdez, fisioterapeuta de Amencer-ASPACE, xa que lles permite "interactuar co paciente con maior liberdade, potenciando a súa autonomía e mellorando substancialmente a súa mobilidade".
O exoesqueleto está composto por oito articulacións activas e axuda a camiñar tanto cara adiante como cara atrás.
É axustable ás medidas de cada neno e adáptase ás características e limitacións de cada paciente.
Pode utilizarse de forma pasiva, xerando un patrón de marcha específico e personalizado, ou de forma activa utilizando e adestrando a propia forza muscular do neno.
O marco sobre o que sustenta ofrece estabilidade e soporte ao exoesqueleto, de maneira que xa non é necesario que o terapeuta teña que suxeitar o dispositivo desde atrás mentres camiña.