Estudantes adolescentes asisten a un xuízo ficticio sobre acoso
Estudantes adolescentes asisten a un xuízo ficticio sobre acoso
Organizouno o profesor de Filosofía, coa colaboración do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Celebrouse nunha sala de vistas real, cun xuíz, unha fiscal e un avogado de verdade
Alumnos de bacharelato do colexio das Carmelitas de Ourense asisten por primeira vez a un xuízo penal. Non saben, aínda, que é unha simulación.
"Estamos nos xulgados de Ourense para ver un caso de acoso". "Vimos para formarnos no tema e informarnos máis", comentan dúas alumnas.
A iniciativa é do profesor de Filosofía que o considera unha lección exemplar.
Leopoldo Cadaya, profesor de Filosofía: "Temos que saber que cando nos chegan mensaxes inapropiadas, whatsapps, vídeos... non podemos reproducilo. É ilegal que o mandemos. O que temos é que denunciar".
A xuízo, unha exparella, ficticia, de supostos adolescentes. Ela acúsao a el de ameazas e coaccións.
"Era unha persoa que quería saber en todo momento onde estaba eu. Non quería que saíra coas miñas amigas, non lle gustaba que eu tivera amigos rapaces, que subira determinadas fotos ás redes sociais... quería controlarme o móbil en todo momento. E o colmo xa foi cando me deu a labazada", explica a suposta vítima.
Si son reais o xuíz, decano de Ourense, a fiscal e o avogado. Tamén o forense, que relata o dano físico e psicolóxico nun caso de acoso con difusión de imaxes íntimas a través das redes sociais, unha situación nada sorprendente para estes rapaces. "É un tema bastante actual que nos pode pasar a calquera". "Eu pensei que era todo real. Situacións totalmente reais", comentan dúas alumnas.
Tras media hora de sesión e á vista das probas e testemuñas, o xuíz dita sentenza condenatoria e desvela que se trataba dunha ficción. É o momento de resolver dúbidas.
"Como o xuíz garante a imparcialidade, porque me pareceu moi complicado". "Se un di unha cousa e outro outra, e non hai probas, ao mellor o xuíz está nun dilema", preguntan dous estudantes.
Houbo quen saíu da sala coa vocación de estudar Dereito.