Os trens turísticos de Galicia pechan a temporada cunha ocupación do 95 %
Os trens turísticos de Galicia pechan a temporada cunha ocupación do 95 %
Nesta novena edición ofrecéronse 13 rutas e agárdase ampliar os itinerarios para 2023
Cunha ocupación do 95 %, os trens turísticos están demostrando ser unha oferta moi ben acollida polo público. Este ano celebrouse a novena edición do programa de Renfe, que desenvolve en colaboración con Inorde e Turismo de Galicia.
Os trece itinerarios actuais teñen os raís como fío condutor de viaxes por recunchos de Galicia nas que se ofrecen experiencias, como coñecer o proceso de elaboración dun queixo ou as tripas dunha adega, e visitas a pazos, igrexas, muíños ou xardíns.
Na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) faranse públicas as novas rutas que se van poñer en marcha o vindeiro ano 2023.
A lareira acesa da Casa do Queixo de Sobrado dos Monxes achega calidez á última ruta dos trens turísticos que se fixeron este ano. Posta en marcha hai nove anos, xa é unha oferta consolidada que goza de gran demanda.
Os trens turísticos, ademais de seren un escaparate, un convite para coñecer a Galicia máis agochada, son un motor económico no que hai 53 empresas implicadas. Moitas son negocios pequenos do rural aos que hai que chegar en bus.
Este ano, participaron 2.500 persoas e percorréronse 9.000 quilómetros. En moitas das rutas hai que reservar con antelación porque teñen unha ocupación do cen por cento.