Expocoruña acolle unha nova edición do Galicia Fórum Gastronómico
Expocoruña acolle unha nova edición do Galicia Fórum Gastronómico
Durante tres días será o gran punto de encontro para profesionais e amantes da cociña
O programa inclúe máis dun cento de actividades, obradoiros, degustacións e catas
Todo o relacionado coa gastronomía, dende produtos e tendencias ata servizos e equipamentos, ten dende este domingo o seu escaparate na Coruña. Botou a andar unha nova edición do Fórum Gastronómico, o encontro que este ano presenta como eixe temático a despensa do Atlántico.
Ademais dun espazo feiral no que están presentes máis de 200 expositores, tanto empresas líderes do sector como pequenos produtores e artesáns alimentarios, inclúe unha área de restauración onde se poden degustar pratos elaborados polos distintos colectivos de cociña de Galicia.
Durante os tres días do evento celebraranse máis de 100 actividades nos diferentes espazos: o Auditorio, o Taller, o FórumLab, o Wine Circus, o Cócktail Bar Fórum, o Cheese Fórum, o Ágora ou o Craft Beer Market acollerán relatorios, demostracións de cociñado, degustacións e catas.
A cita reserva un espazo importante para os pequenos produtores locais e reúne cociñeiros de primeiro nivel de todo o país. Galicia Fórum Gastronómico é o gran referente nacional da gastronomía atlántica.