Exporpyme trae importadores estranxeiros interesados nos produtos feitos en Galicia
Exporpyme trae importadores estranxeiros interesados nos produtos feitos en Galicia
Exporpyme axuda á promoción no exterior dos produtos galegos
O evento, organizado pola Cámara de Comercio da Coruña, celebrouse esta mañá
Son medianas e pequenas empresas galegas que se afanan en ensinar o seu produto a importadores chegados de 4 continentes e 30 países. A Cámara de Comercio convidounos para que as galegas poidan dar o salto aos mercados internacionais.
"Hoxe xuntamos 150 empresas entre importadores e exportadores para dar ese primeiro paso para que estas pequenas empresas consigan afianzarse nos mercados exteriores e a partir de aí poder xa desprazarse eles aos mercados de destino", explica Manuel Galdo, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña.
Este é o caso da pequena empresa de Enrique, que leva varios anos participando no evento e xa vende a súa xenebra artesanal sobre todo nos Estados Unidos.
"E traballamos despois en Panamá, Australia, temos un pouquiño en México...", relata Enrique Pena, propietario de Vánagandr Destilerías
E a listaxe segue. Para Carlos, pola contra, aínda queda todo por facer. É a primeira vez que acode a Exporpyme para intentar saír ao exterior coas súas conservas.
"Damos a probar o noso produto e gusta. En principio a idea é boa e agardamos sacar resultados de aquí, claro", apunta Carlos Rodríguez, xerente de Mareterra Conservas.
Un sector con puxanza en Galicia é o de deseño de interiores, sobre todo para espazos profesionais. 20 empresas galegas apuntáronse á experiencia.
"Somos deseñadores, somos proxectistas e interésannos os clientes que veñen buscar cousas aquí a España, a Galicia neste momento, pero tamén nos interesa ter sinerxias coas empresas de aquí que queren vender fóra produtos, que nós podemos utilizar tamén", conta Paula Costoya, de Naos Arquitectos.
Galicia tamén é punteira no sector da saúde, exporta solucións a máis de 130 países.
"Somos punteiros, especialmente o sistema sanitario é punteiro en solucións tecnolóxicas e tratamento de datos", conclúe Gisela García, xerente do Clúster Saúde de Galicia.
Saben como facer produtos de calidade, pero necesitan un empurrón para darse a coñecer.