Exteriores pide máxima precaución aos que vaian a Turquía de turismo sanitario
Exteriores pide máxima precaución aos que vaian a Turquía de turismo sanitario
O Goberno advirte sobre os riscos de operarse fóra de España
Buscamos entre a xente alguén que estivese disposto a facer turismo sanitario a Turquía, e a resposta foi unánime: "Non".
Implantes capilares, dentais e incluso reducións de estómago. Son os servizos máis demandados en Turquía.
"A redución de estómago xa de por si ten unha incidencia de complicacións postoperatorias importantes como para ir a un país onde non hai un aval como pode haber en países máis desenvolvidos, onde temos unha sanidade como moito máis evolucionada e logo sobre todo o que atopamos é que a xente despois da cirurxía ten problemas, complicacións e, claro, non ten ese hospital preto", di Manuel Viso, médico.
O turismo sanitario a Turquía véndese incluso nalgunhas axencias de viaxes.
Unha intervención de cirurxía gástrica en España custa arredor dos dez mil euros. En Turquía non supera os tres mil.
"Para facer esa redución de prezos ao final hai que sacar dalgún lado e é da atención e da calidade. E logo tamén moitas veces están empregando cousas que non teñen un aval científico", continúa o médico
O Ministerio de Asuntos Exteriores aconsella extremar as precaucións. Detrás do turismo sanitario hai xa constancia de catro españois mortos. A última vítima hai un ano, unha moza de tan só 17 anos.