Publicador de contidos
Publicador de contidos

Facenda aprobará en 2025 un plan para acurtar os procesos selectivos

Facenda aprobará en 2025 un plan para acurtar os procesos selectivos

Prevé "automatizar" os concursos de méritos "para axilizalos e resolvelos no prazo dun ano"

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, (d) abre as comparecencias para explicar os orzamentos asignados a este departamento en 2025, este xoves en Santiago (EFE / Lavandeira Jr.). O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, (d) abre as comparecencias para explicar os orzamentos asignados a este departamento en 2025, este xoves en Santiago (EFE / Lavandeira Jr.).
G24.gal 24/10/2024 12:18

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, apuntou o "reto de acometer unha importante substitución xeracional" a partir do ano que vén na Administración autonómica, para o que en 2025 a Xunta prevé aprobar un plan estratéxico de recursos humanos.

Por unha banda, segundo salientou, este plan "permitirá mellorar a transparencia e previsibilidade das ofertas de emprego público e dos procesos selectivos" e, por outro, buscará "simplificar o sistema de acceso, acurtar a súa duración e adaptar os procesos ás novas habilidades e capacidades" que require o servizo público.

Anunciouno Corgos na comisión de economía do Parlamento, onde este xoves comezan as comparecencias por departamentos para expoñer o proxecto de orzamentos do Goberno galego para o ano que vén.

En materia de persoal, o conselleiro asegurou que o Executivo aposta por unha función pública "motivada e ben formada, unha vez que xa se está na fase final do proceso de estabilización, que concluirá este ano e que beneficiará a máis de 5.500 empregados públicos".

"Logo teremos que acometer o reto dunha importante substitución xeracional", sinalou, para a continuación referirse ao mencionado plan estratéxico de recursos humanos.

Así mesmo, o titular de Facenda resaltou que o seu departamento prevé "automatizar" os concursos de méritos "para axilizalos e resolvelos no prazo dun ano".

Fondos europeos

En materia de fondos europeos, avogou por "seguir optimizando a súa xestión para maximizar estes recursos tan importantes para a comunidade" e asegurou que Facenda continuará "impulsando ao máximo a execución do mecanismo de recuperación e resiliencia para ter totalmente rematada a súa execución para mediados do ano 26".

Ademais, reprogramará programas operativos do período 21-27 para adaptalos ao novo regulamento, segundo indicou Corgos. Respecto diso, cifrou en 1.500 os millóns cos que conta da política de cohesión ata 2029.

A continuación, Miguel Corgos apuntou que este ano xa está "comprometido o 20 % do novo marco" e en 2025 espera "chegar a 40-50 % de compromisos".

Simplificación administrativa

Na súa intervención, o responsable das contas públicas da comunidade afirmou que Facenda traballará o próximo ano en simplificación administrativa e na ampliación da oferta de servizos "personalizados, axustados a perfil e circunstancias", para facer a administración "máis sinxela".

En contratación pública, "unificaranse criterios nunha guía de boas prácticas" que recollerá a "discriminación positiva" de produtos sostibles, o uso de madeira en construción e produtos de proximidade nos centros públicos.

Tamén quere Facenda "reducir o que se paga" en alugueiros, cunha rebaixa que cifra nuns 4 millóns en 15 anos -a Xunta gastaba neste concepto máis de 7 millóns e agora a contía está por baixo de 3, segundo Corgos-.

Tras esta "rebaixa substancial", o Goberno galego quere "seguir baixando" e "por iso estará operativo xa esta lexislatura o novo edificio de San Caetano".

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) culminará a absorción das oficinas de recadación, co que "se terminará a externalización" deste servizo "e pecharase o circuíto por primeira vez", dixo.

Por último, a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) tratará de situar Galicia como un "referente", entre outras cuestións, na intelixencia artificial.

Debate centrado nos orzamentos

Na quenda dos grupos, as críticas da oposición e o debate co grupo popular centráronse nas grandes cifras do proxecto de contas públicas para o ano que vén, que ascende a 13.954 millóns de euros, un 2,5 % máis.

Despois de que o deputado do grupo mixto, Armando Ojea, reclamase máis investimento para Ourense, a socialista Elena Espinosa volveu tachar os orzamentos globais da Xunta de "raquíticos e faltos de ambición". "Queremos uns orzamentos valentes e non queremos que sexan conservadores", subliñou.

Ademais, criticou as medidas fiscais que pretende incorporar a través da coñecida como lei de acompañamento, debido a que, ao seu xuízo, benefician ás "grandes fortunas mentres familias sofren falta de axudas".

Por parte do BNG, Noa Presas advertiu que "mal non lle vai a Cataluña" ao "negociar unha quita e un mellor financiamento" e reiterou que "non é nada heroico ter uns orzamentos nin a cifra é histórica", xa que "só tendo en conta o aumento da inflación en 2024, nin sequera compensa isto".

Entre outras cuestións, censurou que "a maior parte do incremento vai para cubrir os xuros da débeda" e afeoulle ao conselleiro que "non aumentan a débeda porque non lles deixan".

A popular Cristina Sanz, pola súa banda, acusou á oposición de repetir os mesmos "mantras" cun "forzado pesimismo" e mostrouse convencida de que "se equivocan nas súas previsións".

Xa na quenda de peche, o conselleiro respondeu a Espinosa que "claro" que se ten que "preocupar" polo que fai o Goberno e incidiu en que "tamén Touriño dixo que sería un erro a cota". "Claro que nos temos que preocupar das falcatrúas que fan en Madrid", remarcou.

Para acabar, valorou uns orzamentos "modernos, sostibles e suxeitos ás dispoñibilidades" e rexeitou que sexan "os de sempre", debido a que inclúen medidas novas como o rescate de autoestradas, máis investimento en vivenda e xestión recadatoria "íntegra" por parte da Atriga, algo que "nunca se fixo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade