Falece Jorge Canda, alcalde da Lama durante 28 anos primeiro co PSOE e despois co PP
Falece Jorge Canda, alcalde da Lama durante 28 anos primeiro co PSOE e despois co PP
O Concello dectera tres días de loito pola morte do exrexedor, con seis maiorías absolutas, e permaneceu no cargo entre 1995 e 2023
O Concello da Lama decretou tres días de loito polo falecemento de Jorge Canda Martínez, alcalde da localidade durante 28 anos, desde 1995 ata 2023.
A noticia do falecemento de Canda Martínez foi recibido cun gran pesar polos veciños. O óbito, sinalou o consistorio nun comunicado, produciuse sobre as 04:00 horas deste domingo como consecuencia dunha longa enfermidade.
O velorio comezou ás 10:00 horas deste domingo no Tanatorio de San Mauro, de Pontevedra e o funeral terá lugar este luns, ás 19:00 horas, na igrexa parroquial de San Salvador da Lama.
"Jorge Canda deixa unha profunda pegada entre os veciños da Lama e un profundo respecto entre o mundo político comarcal e provincial xa polo seu talante e afabilidade, así como pola súa capacidade de traballo e compromiso co futuro da Lama", sinalou o Concello no comunicado.
Traxectoria política
Político atípico que pasou por distintas formacións e foi alcalde da súa vila. Canda Martínez comezou a súa militancia política en 1986 no CDS e foi candidato á alcaldía por ese partido en 1987.
Posteriormente, pasou ao PSdeG como independente e, nas eleccións municipais de 1991, quedou a 13 votos de alcanzar a alcaldía. Con todo, foi nas seguintes eleccións, en 1995, cando chegou ao goberno cun pacto cunha forza independente de Gregorio Xusto. Nos comicios municipais de 1999, encabezou de novo a candidatura dos socialistas e alcanzou a maioría absoluta.
Posteriormente, por desavinzas coa dirección dos socialistas, Jorge Canda e o seu equipo de goberno pasáronse ao grupo mixto e, en 2002, formalizaron o seu ingreso no PPdeG.
Nas municipais de 2003 encabezou a lista do PPdeG, que foi elixido por maioría absoluta, do mesmo xeito que nos seguintes comicios.
En 2023 integrou a lista liderada polo actual alcalde, David Carrera Cal.
Condolencias
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou o falecemento a través da súa conta na rede social X e enviou o seu "máis sentido pésame" a todos os seres queridos de Jorge Canda. Ás mostras de pesar sumáronse outros dirixentes políticos.