Falece o xornalista Jesús Quintero aos 82 anos
Falece o xornalista Jesús Quintero aos 82 anos
Jesús Quintero converteuse nunha lenda do xornalismo co popular programa nocturno El loco de la colina
O xornalista onubense Jesús Quintero faleceu este luns aos 82 anos, tras sufrir afeccións respiratorias e problemas cardíacos, segundo confirmou o Concello de San Juan del Puerto (Huelva), a súa localidade natal.
Jesús Quintero converteuse nunha lenda da radio, co popular programa nocturno El loco de la colina, e posteriormente da televisión cos seus espazos de entrevistas, como El perro verde e Ratones coloraos, protagonizados moitos deles por personaxes marxinais.
A primeira semana de setembro ingresou na residencia Nuestra Señora de los Remedios, de Ubrique (Cádiz), onde, segundo os seus familiares, ía recibir os tratamentos necesarios para a súa recuperación.
Nun comunicado, a familia agradecía as mostras de afecto e explicaba que o ingreso na residencia se producía tras a aparición dalgúns problemas que requirían atención profesional e especializada.
Personalidades da política e o xornalismo, entre eles o presidente do Goberno Pedro Sánchez e o da Junta de Andalucía Juanma Moreno, valoraron nas redes sociais a súa figura e lamentaron o falecemento do comunicador.
Un mestre da entrevista
Presentador e guionista de radio e televisión, Jesús Rodríguez Quintero naceu en San Juan del Puerto (Huelva), o 18 de agosto de 1940, e ao longo da súa carreira nos medios de comunicación realizou miles de entrevistas, moitas delas con gran repercusión, como a que fixo á Pasionaria ou a Rafael Escobedo.
Co seu particular estilo pausado e intimista, que valoraba os silencios, tamén entrevistou personaxes de actualidade e artistas internacionais e creou series como Trece noches, que protagonizou noutras tantas conversas co escritor Antonio Gala.
Jesús Quintero sempre dixo entender a comunicación como unha arte e como un sacerdocio e distinguiuse por crear unha atmosfera de proximidade e intimidade cos seus invitados.