Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un motorista de 37 anos en Valença nunha colisión múltiple

Falece un motorista de 37 anos en Valença nunha colisión múltiple

No sinistro víanse implicados dúas motos, e un coche de matrícula española

Hai catro feridos leves

G24.gal 13/05/2023 21:02 Última actualización 13/05/2023 21:17

O accidente acontecía na localidade portuguesa de Valença, a tan só un quilómetro aproximadamente da fronteira con Tui, e nun dos accesos da A-3. Nel víanse implicados dúas motos e un coche. 

Un home de 37 anos, de nacionalidade portuguesa, concretamente de Melgaço, que viaxaba nunha das motocicletas, falecía no sinistro. A súa moto saltou a mediana, invadiu o outro carril e acabou ardendo.

"Nós cando chegamos ao lugar atopámonos cun escenario con dúas motocicletas e un coche con viaxeiros de nacionalidade española. Unha das motocicletas foi a que ardeu e extinguiuse o lume", di Helder Trancoso, comandante de bombeiros voluntarios de Valença.

O condutor da outra motocicleta é un home de 24 anos, de nacionalidade francesa, tamén residente en Melgaço. Quedaba ferido leve. Foi trasladado ao centro hospitalario de Viana do Castelo. 

No coche implicado no accidente, con matrícula española, viaxaban tres mulleres e un bebé de tres meses. Todos quedaron feridos leves. 

"Apareceu o médico e declarou a morte dunha das vítimas e despois había catro vítimas leves, a súa vida non corría perigo", incidiu Helder Trancoso, comandante de bombeiros voluntarios de Valença.

Na tarde deste sábado un dos carrís continuaba cortado mentres se realizaban os labores de limpeza e os coches circulaban pola beiravía. 

As autoridades investigan as causas do sinistro. Entre as hipóteses coas que se traballa é que unha das motos chocara contra o coche e a outra moto, ou que o turismo intentara adiantar sen decatarse que detrás viñan as motocicletas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade