Falece un home de 36 anos tras quedar atrapado nunha máquina en Vilanova de Arousa
Falece un home de 36 anos tras quedar atrapado nunha máquina en Vilanova de Arousa
O operario foi liberado de forma inmediata, pero non puido facerse nada por salvarlle a vida
Un operario, de 36 anos de idade, faleceu na mañá deste luns na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa ao quedar atrapado nunha máquina de cortar madeira.
Ocorreu no serradoiro Altman, situado no polígono industrial desta vila do Salnés. Por circunstancias que aínda se descoñecen, un traballador quedou atrapado nesta trituradora de madeira.
"Fomos requiridos polo 112 ás 8:20 da mañá para acudir a unha empresa do polígono do Tremoeiro, un home quedara atrapado nunha esteladora de madeira", explica David Padín, sarxento dos Bombeiros do Salnés.
Foi un familiar que traballaba co falecido quen o sacou da máquina e alertou o 112 Galicia para pedir axuda. Cando chegaron os equipos de emerxencia. lamentablemente, xa falecera.
"Cando chegou a dotación o home xa non estaba atrapado, pero os sanitarios non puideron facer nada máis que agardar ao levantamento do cadáver", engade o Sarxento.
Segundo algunhas fontes, o falecido tiña 36 anos e traballaba nunha empresa forestal de Tomiño que fora prestar o servizo de estelado no serradoiro de Vilanova.