Falece un veciño por unha parada cardíaca no desaloxo polo incendio de Zamora
Falece un veciño por unha parada cardíaca no desaloxo polo incendio de Zamora
A extinción do lume mellorou nas últimas horas e o perímetro xa está acoutado nun 70 %
A situación do incendio forestal de Trabazos en Zamora, que chegou a cortar a estrada Nacional 122, obrigou a desaloxar a poboación de Sejas de Aliste, pero mellorou nas últimas horas e o perímetro do lume xa está acoutado nun 70 %.
O traballo das cuadrillas nocturnas e dos reténs de maquinaria logrou frear o avance do lume en dirección este, cara á localidade de Sejas de Aliste, polo que se espera que ao longo da mañá os veciños dese lugar regresen ás súas casas.
Os traballos dos medios aéreos céntranse en realizar descargas de auga nas zonas quentes e en pártea noroeste do incendio que é a que aínda non está coutada.
Falece un veciño no desaloxo
Uns 150 veciños desaloxados de Sejas de Aliste (Zamora) pasaron a noite fóra dos seus fogares. As persoas de maior idade foron trasladadas a un albergue e a establecementos hostaleiros de Alcañices, mentres que máis dun cento de veciños pasaron a noite no pavillón polideportivo atendidos por Cruz Vermella.
Os momentos de maior tensión vivíronse cando foron evacuados pola Garda Civil, xa que algúns veciños con vivendas ou naves gandeiras próximas ao incendio querían quedar na vila para axudar e defender do lume as súas propiedades e non lles deixaron.
Nun autobús e en vehículos particulares, os veciños de Sejas de Aliste dirixíronse a Rábano e de aí a Alcañices, onde pasaron a noite, déronlles para cear e de almorzar e o persoal de Cruz Vermella estivo pendente deles.
Un home de 65 anos faleceu por mor dun infarto cando era evacuado polo incendio.